Despois de ler a "Novela de xadrez" de Stephan Zweig, continuamos con outro autor en lingua alemá, neste caso todo un clásico, Johann Wolfgang von Goethe. Nado en Frankfurt en 1749 e finado en 1832, foi novelista, dramaturgo, poeta, científico, filósofo humanista e, durante dez anos, funcionario do Estado de Weimar.
Se cadra, "Fausto" é a súa obra máis coñecida, máis nesta ocasión imos ler outro dos seus títulos máis significativos: "Die Leiden des jungen Werther" traducido ao galego como "As mágoas do mozo Werther", unha novela epistolar publicada por primeira vez en 1774.
O autor:
Fillo de Johann Caspar Goethe, un avogado que se retirou da vida pública e educou os seus fillos el mesmo, baixo a máxima de non perder o tempo no máis mínimo, e de Katharina Elisabeth Textor, filla dun antigo burgomaestre de Frankfurt. Estes vencellos familiares puxéronlle en contacto desde o principio co patriciado urbano e a vida política.De altas capacidades e provisto dunha enorme e enfermiza curiosidade, fixo practicamente de todo e chegou a acumular unha omnímoda cultura. Primeiro estudou linguas, aínda que as súas inclinacións ían pola arte e nunca, ao longo de toda a súa vida, deixou de cultivar o debuxo; á vez que escribía os seus primeiros poemas, interesouse por outras ramas do coñecemento como a xeoloxía, a química e a medicina.
Cursou Dereito en Leipzig e Estrasburgo, á vez que escribía os seus primeiros poemas; Katharina von Klettenberg, amiga de súa nai, introduciuno no misticismo relixioso pietista. Trasladado a Estrasburgo, coñeceu alí a Friederike Brion, que lle inspirou a caracterización da maioría das súas personaxes femininas, e trabou amizade co filósofo Johann Gottfried von Herder, cuxos Discursos á nación alemá tanto influíron no Romanticismo alemán.
O propio Goethe narrou a súa vida nun libro autobiográfico, Poesía e verdade, así como na novela parcialmente autobiográfica As mágoas do mozo Werther.
A obra
As mágoas do mozo Werther foi un dos libros máis lidos e máis influentes do seu tempo. Novela epistolar na que abrollan as paixóns e o mundo interior do ser humano, a obra de Johann Wolfgang von Goethe inclúese no período estético coñecido como Sturm und Drang e leva á literatura unha concepción da escritura que reflicte a expresión máis espontánea, afastada das normas clásicas. Con ela, a narrativa ábrelle as portas á expresión directa dos sentimentos e as emocións.Para comentar a obra reunirémonos o 27 de novembro ás 20:30 h. Como sempre o lugar escollido será a BPM de Brión
Fontes: Wikipedia e outras.
0 comentarios :
Publicar un comentario