O Club de lectura reuniuse o pasado mércores para iniciar unha nova andaina con máis lecturas para por en común. Nesta ocasión a obra escollida é “Novela de xadrez” (Die Schachnovelle, 1941) derradeira novela do escritor austríaco Stefan Zweig escrita pouco antes do seu suicidio, acontecido o 22 de febreiro de 1942. Foi publicada de forma póstuma en 1944.
O relato é unha crítica clara contra o nazismo e os métodos da Gestapo, a incomunicación e o exilio forzado, experimentado por Zweig, quen xamais regresaría á súa Austria natal. "Novela de xadrez" está considerada a súa obra mestra.
O autor:
Stefan Zweig (Viena, 1881 - Petrópolis, Brasil, 1942) foi un escritor enormemente popular, tanto na súa faceta de ensaísta e biógrafo coma na de novelista. A súa capacidade narrativa, a pericia e a delicadeza na descrición dos sentimentos e a elegancia do seu estilo convérteno nun narrador fascinante, capaz de seducirnos dende as primeiras liñas.
Fillo dun poderoso industrial, recibiu unha esmerada educación. Durante os seus anos de xuventude percorreu Europa, traballando como tradutor e colaborando en distintas publicacións. Cando estalou a Primeira Guerra Mundial, manifestou a súa posición pacifista. Ante a implantación cada vez maior das forzas nazis en Austria, emigrou a Londres. Da súa produción literaria destacan 'Cordas de prata', un exemplar onde reúne a súa poesía, e novelas como 'Jeremías', 'Amok', 'O xogador de xadrez' ou 'A confusión dos sentimentos'. Tamén escribiu as biografías dalgúns dos personaxes máis grandes da literatura como Dickens ou Balzac.
Sinopse:
Mirko Czentovi é un home rudo e ignorante, ademais de ser o campión mundial indiscutible de xadrez. Durante unha viaxe en barco, algúns afeccionados do xadrez enfróntanse a el nalgunhas partidas amigables que, por suposto, o campión gaña sen o menor esforzo.
Pero nunha partida co enigmático Dr. B., cos consellos dos pasaxeiros que Czentovi non pode soportar, arranca un empate. Czentovi, asombrado pide a desquite ao día seguinte…
0 comentarios :
Publicar un comentario