Hans Leuenberger e Jaime Asensi presentaron en Brión o cómic “El fugitivo”, adaptación da novela homónima do autor aragonés Ramón J. Sender. O acto celebrouse o venres 5 de abril ás 20:30 horas na Sala de Exposicións do Concello de Brión, un espazo polivalente que ocupa a planta baixa da Casa da Cultura.
Aínda que oriúndo de Suíza, Hans Leuenberger reside en Ronda (Málaga) onde exerce a súa profesión de xornalista e tradutor. En Zurich comezou os seus estudos de comunicación e publicidade. En Suíza e Alemaña traballo en prensa e radio. Dende os anos 80 vive en España onde cultiva as artes, a fotografía, o vídeo experimental e o xornalismo. Tamén se dedica á tradución e a interpretación xurídica e comercial en castelán, francés, inglés e alemán.
O arousán Jaime Asensi reside na actualidade no veciño Concello de Ames. Debuxante e deseñador gráfico, comezou a súa andaina profesional nos anos 80, destacando como ilustrador de numerosos libros e cómics. Actualmente traballa como deseñador e ilustrador “freelance” para a Xunta de Galicia, editoriais e axencias de publicidade. En banda deseñada destacan a súas adaptacións de “Fragmentos de Apocalipsis” de Gonzalo Torrente Ballester, con guión de César Lombera ou “Pic-Nic” de Fernando Arrabal, obra este última que presentou en Brión hai dous anos.
“El fugitivo”, editado polo selo LeoEdita, adapta a novela homónima de Ramón J. Sender publicada en 1972. O relato narra a historia dun home acusado, perseguido e condenado a morte por uns incertos ideais nunha contenda bélica que podería ser a Guerra Civil. Na súa fuxida acaba refuxiándose nunha igrexa onde pretende fuxir do seu destino. Asumindo a condena como un feito inevitable busca a morte de xeito consciente pero cae no paradoxo de que a pena capital á que estaba sentenciado non pode cumprirse pois mentres isto acontece tolea.
A obra está ambientada en Aragón, de onde era orixinario Ramón J. Sender, concretamente na comarca do “Bajo Cinca”, en localizacións que Hans recorreu e fotografou para crear un guión que nun primeiro momento estaba pensado para converterse nunha curtametraxe ou nunha obra teatral. Logo, apareceu Jaime e o proxecto converteuse no cómic que foi presentado na sala de exposicións de Brión. Unha interesante achega a banda deseñada que xa pode atoparse en librarías como Mainomen, establecemento amiense que colaborou na organización da presentación.
0 comentarios :
Publicar un comentario