HORARIO DE VERÁN: AGOSTO
Dende o 27 de xullo ata o 31 de agosto
a biblioteca municipal permanecerá pechada.

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

Amosando publicacións coa etiqueta Jaime Asensi. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Jaime Asensi. Amosar todas as publicacións

sábado, 6 de abril de 2013

Preséntase en Brión 'El fugitivo' BD baseada na novela de Ramón J. Sender

Hans Leuenberger e Jaime Asensi presentaron en Brión o cómic “El fugitivo”, adaptación da novela homónima do autor aragonés Ramón J. Sender. O acto celebrouse o venres 5 de abril ás 20:30 horas na Sala de Exposicións do Concello de Brión, un espazo polivalente que ocupa a planta baixa da Casa da Cultura.

Aínda que oriúndo de Suíza, Hans Leuenberger reside en Ronda (Málaga) onde exerce a súa profesión de xornalista e tradutor. En Zurich comezou os seus estudos de comunicación e publicidade. En Suíza e Alemaña traballo en prensa e radio. Dende os anos 80 vive en España onde cultiva as artes, a fotografía, o vídeo experimental e o xornalismo. Tamén se dedica á tradución e a interpretación xurídica e comercial en castelán, francés, inglés e alemán.

O arousán Jaime Asensi reside na actualidade no veciño Concello de Ames. Debuxante e deseñador gráfico, comezou a súa andaina profesional nos anos 80, destacando como ilustrador de numerosos libros e cómics. Actualmente traballa como deseñador e ilustrador “freelance” para a Xunta de Galicia, editoriais e axencias de publicidade. En banda deseñada destacan a súas adaptacións de “Fragmentos de Apocalipsis” de Gonzalo Torrente Ballester, con guión de César Lombera ou “Pic-Nic” de Fernando Arrabal, obra este última que presentou en Brión hai dous anos.

“El fugitivo”, editado polo selo LeoEdita, adapta a novela homónima de Ramón J. Sender publicada en 1972. O relato narra a historia dun home acusado, perseguido e condenado a morte por uns incertos ideais nunha contenda bélica que podería ser a Guerra Civil. Na súa fuxida acaba refuxiándose nunha igrexa onde pretende fuxir do seu destino. Asumindo a condena como un feito inevitable busca a morte de xeito consciente pero cae no paradoxo de que a pena capital á que estaba sentenciado non pode cumprirse pois mentres isto acontece tolea.


A obra está ambientada en Aragón, de onde era orixinario Ramón J. Sender, concretamente na comarca do “Bajo Cinca”, en localizacións que Hans recorreu e fotografou para crear un guión que nun primeiro momento estaba pensado para converterse nunha curtametraxe ou nunha obra teatral. Logo, apareceu Jaime e o proxecto converteuse no cómic que foi presentado na sala de exposicións de Brión. Unha interesante achega a banda deseñada que xa pode atoparse en librarías como Mainomen, establecemento amiense que colaborou na organización da presentación.

luns, 1 de abril de 2013

Presentación en Brión do cómic 'El fugitivo'

O venres 5 de abril o ilustrador Jaime Asensi e o guionista Hans Leunberger presentan en Brión “El Fugitivo”, un cómic que adapta a novena homónima do escritor Ramón J. Sénder.

O acto, ao que está convidada toda a cidadanía, comezará ás 20:30 h. na Sala de Exposicións do Concello de Brión, espazo situado na planta baixa do edificio que alberga a Casa da Cultura. A el acudirán os autores da banda deseñada, publicada pola editorial malagueña LeoEdita.

O cómic, baseado nun texto do xenial autor oscense, está ambientado nos anos posteriores á Guerra Civil e narra a historia dun cidadán acusado, perseguido e condenado a morte e céntrase no seu particular peripecia, que lle leva nun primeiro lugar a fuxir da condena e daqueles que deben axustizalo e a buscar en último termo a morte de xeito consciente.