LEMBRANZA

O venres 30 de xaneiro
a biblioteca municipal permanecerá pechada

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

xoves, 22 de xaneiro de 2026

Día da Ilustración 2026: "Pintando o humor con Siro" con Polo Correo do Vento

O día 30 de xaneiro celebramos o Día da Ilustración, unha efeméride impulsada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración -AGPI- e a Xunta de Galicia para render homenaxe a figuras clave da ilustración galega contemporánea.

En 2026 vai ser Siro López Lorenzo o autor homenaxeado. Coñecido polo seu traballo de caricaturista político e de humorista gráfico, destaca tamén como retratista, debuxante e pintor, ademais de sobresaír noutros eidos coma o do xornalismo ou o ensaio.

Para celebralo, a biblioteca municipal desexa convidarte a unha actividade moi especial que combina narración oral e debuxo en vivo a cargo dos amigos de Polo Correo do Vento: "Pintando o humor con Siro". Nela coñeceremos un pouco máis a figura de Siro e, a continuación, realizarase un obradoiro de ilustración.

A actividade celebrarase o venres 6 de febreiro na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) ás 18:00 h. O serán está destinado a público infantil e familiar, con acceso de balde ata completar a capacidade da sala.

Achégate e participa nesta homenaxe a Siro!


 

 

mércores, 21 de xaneiro de 2026

23 de febreiro, Día de Rosalía: A Xanela do Maxín presentará en Brión “Dende Rosalía”

No mes no que celebramos o Día de Rosalía, a biblioteca municipal quere convidar á cidadanía a participar nun espectáculo para toda a familia arredor da figura de Rosalía de Castro. Falamos de "Dende Rosalía", un serán a cargo de A Xanela do Maxín na que emprenderemos un emocionante percorrido pola historia literaria de Galicia da man das súas grandes creadoras.
 
Dende Rosalía de Castro (símbolo de valentía, liberdade e amor pola terra) ata Francisca Herrera, María Mariño, María Victoria Moreno, Xela Arias e Luísa Villalta, cada parada permite descubrir vidas rebeldes, obras luminosas e voces que abriron camiño.  

Nunha combinación de teatro, poesía, música e pequenas sorpresas escénicas, hologramas e personaxes fantásticos conviven para mostrar que estas mulleres non só fixeron historia, senón que continúan inspirando ás xeracións máis novas. A obra é unha celebración da lingua galega, da creatividade e da forza das mulleres que a mantiveron viva, desde as escritoras máis coñecidas ata as cantareiras anónimas que transmitiron cultura de xeración en xeración.

O espectáculo celebrarase o venres 13 de febreiro na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura). Comezará ás 18:00 h. , prolongándose durante aproximadamente 45 min. O público ao que está destinado é familiar (dende os 3 anos) e a entrada será de balde ata completar a capacidade da sala.

Esta función encádrase nunha programación máis ampla que baixo a denominación “23 de febreiro, Día de Rosalía” organiza o Concello de Brión. En breve, máis información sobre a mesma.

 


 

martes, 20 de xaneiro de 2026

Día da Ilustración 2026: Siro López Lorenzo

O día 30 de xaneiro celebramos o Día da Ilustración, unha efeméride impulsada pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración -AGPI- e a Xunta de Galicia para render homenaxe a figuras clave da ilustración galega contemporánea. Dende o ano 2025 véñense escollendo a autores coetáneos, sendo o primeiro deles o mindoniense, brionés de adopción, Xosé Vizoso. 

En 2026 vai ser Siro López Lorenzo o autor homenaxeado. Coñecido polo seu traballo de caricaturista político e de humorista gráfico, destaca tamén como retratista, debuxante e pintor, ademais de sobresaír noutros eidos coma o do xornalismo ou o ensaio. Foi o deseñador da Praza do Humor da Coruña (1990) e o autor do curso de galego Imos aló?, emitido na TVG entre 1989 e 1990.

Siro descríbese como un debuxante precoz, recoñecendo unha notable facilidade para o debuxo dende que era crianza. Posuidor dun trazo áxil e decidido, non tardou en experimentar con todas as técnicas posibles: tinta e pincel, sanguina, carbón, grafito, pluma, pastel, técnicas dixitais… Tamén experimentou coa cor e a mancha, recoñecendo que tardou en pintar polo respecto que lle daba a técnica.

Siro garda unha especial relación con Brión, participando dende hai varios anos nos Encontros coa Arte xunto con outros recoñecidos artistas. Unhas xornadas de convivencia e creación que se celebran no noso concello dende 2006.

Con motivo desta celebración, a biblioteca municipal rende a súa particular homenaxe a Siro con dúas pequenas exposicións que permanecerán na sala principal do centro nas vindeiras semanas. Unha está conformada por unha escolma bibliográfica de fondos propios con obras escritas ou ilustradas por Siro.

A outra é unha colección de láminas doadas á biblioteca polo ilustrador titulada “Os pecados capitais”. Publicadas orixinalmente pola Editorial Galaxia en 1977, obra sinalou a súa maioría de idade como debuxante, segundo sinala o propio autor. Esta edición orixinal esgotouse, polo que Siro reeditou unha nova serie limitada non comercial que é a que poderá contemplarse no centro durante as vindeiras semanas. A obra foi doada á biblioteca polo autor en 2019.


venres, 16 de xaneiro de 2026

Club de lectura: "Ninguén contará a verdade" de Pedro Feijoo

Retomamos a lectura en lingua galega no club para achegarnos nesta ocasión á obra dun recoñecido autor galego, o vigués Pedro Feijoo. A obra escollida é “Ninguén contará a verdade”, unha novela de intriga sobre corrupción política a as súas consecuencias, galardoada co XL Premio Xerais de Novela.

Marosa Vega, unha talentosa e hábil xornalista que foi despedida por querer sempre investigar de máis, acepta un encargo moi especial dun antigo compañeiro: Salva Lamas pídelle axuda para desentrañar un caso de corrupción política que afecta ao presidente da Xunta de Galicia e que está a deixar un regueiro de vítimas.

Trátase dunha novela ousada e minuciosamente documentada, de plena actualidade, que aborda sen ambaxes a corrupción política e o seu impacto social. A súa trama de ficción resulta especialmente verosímil, ata o punto de que calquera lector ou lectora ben informado poderá recoñecer nela claros referentes da realidade.

Pedro Feijoo, escritor e músico nado en Vigo, é tamén ensaísta e narrador. Ao longo da súa traxectoria literaria acadou un amplo recoñecemento tanto por parte da crítica como do público lector.

Para comentar a obra, reunirémonos o xoves 26 de febreiro ás 20:00 h. na biblioteca municipal.