Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

Amosando publicacións coa etiqueta recitais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta recitais. Amosar todas as publicacións

mércores, 5 de xullo de 2023

Pakolas visita Brión coa Ramona pequena

Este mediodía, o noso amigo Pakolas encheu de música e cancións a Carballeira de Santa Minia cun esperado recital onde presentou en Brión “A Ramona pequena vai á Lúa”, un espectáculo musical baseado no seu último libro-disco publicado pola editorial Galaxia.

Pakolas, que se define a si mesmo como roqueiro e guitarrista, cativou coa súa música a un numeroso auditorio composto principalmente por público familiar. Foron os máis péquenos da casa os que gozaron en maior medida das historias da Ramona pequena, unha nena movida por constantes inquedanzas e cunha mente moi esperta; unha rapaza coa que moitas crianzas, de seguro, se identificaron.

Arredor de 115 persoas asistiron a este espectáculo musical de carácter lúdico e educativo, dirixido a crianzas de 4 a 9 anos de idade. Na actividade tamén participaron moitos dos nenos e nenas que asisten estes días ás actividades de conciliación do Concello.

Este evento, organizado pola biblioteca municipal, contou co apoio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.



 

venres, 22 de xuño de 2018

Os monicreques de Kukas dan a benvida ás vacacións escolares estivais

Kukas e os seus monicreques visitaron Brión para presentar o espectáculo "De trebellos, perellos e fedellos". Unha actividade de animación organizada pola biblioteca para celebrar cos nenos e nenas de Brión o inicio das vacacións estivais. 
O serán celebrouse o venres 22 de xuño na Sala Municipal de Exposicións, situada na planta baixa da Casa da Cultura de Brión, un renovado recinto que serve de espazo auxiliar para as actividades organizadas pola biblioteca municipal. Dende as 18:00 h., e durante aproximadamente unha hora, Kukas puxo en escena un recital con varios poemas pertencentes ao libro "De trebellos, perellos e fedellos" do que é autor e ilustrador. Para facelo apoiarase en recursos artísticos como a pintura en directo, obxectos e os seus famosos monifates. 
A actividade, dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos de idade, reuniu aproximadamente 26 persoas, onde máis da metade foron crianzas. Unha asistencia máis que aceptable para unha calorosa tarde de verán de inicio das tan esperadas vacacións escolares estivais. A actividade contou co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.


martes, 19 de xuño de 2018

De trebellos, perellos e fedellos con Kukas e os seus monicreques

O venres 22 de xuño, o gran Marcelino de Santiago "Kukas" presentará en Brión o espectáculo "De trebellos, perellos e fedellos". Unha actividade de animación organizada pola biblioteca para celebrar cos nenos e nenas de Brión o inicio das vacacións estivais.

"Kukas" porá en escena na Sala Municipal de Exposicións un recital con varios poemas pertencentes ao libro "De trebellos, perellos e fedellos" do que é autor e ilustrador. Para facelo apoiarase en recursos artísticos como a pintura en directo, obxectos e os seus famosos monifates. 

Unha actividade, duns 60 min. de duración, dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos de idade a que está convidada toda a familia. A entrada será de balde ata completar aforo. Esta actividade conta co patrocinio do programa "Ler conta moito" da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

mércores, 27 de maio de 2015

A XXV Feira do Libro-Maio Cultural 2015 presentou un espectáculo de Baobad Teatro e un recital de Yolanda Castaño

A XXV Feira do Libro-Maio Cultura 2015 afronta a súa derradeira semana con máis actividades. O luns 25 de maio, Baobab Teatro presentou no Centro Social a obra “Contos para un caldiño” Un espectáculo dirixido a alumnos/as de 1º Ciclo de Primaria do CEIP de Pedrouzos que convida ao público a escoitar e a deixarse levar polos contos e polos obxectos visuais que se presentan.

O mércores 27 de maio, o Centro Social Polivalente acolleu o “Espectáculo poético, recital multimedia” a cargo da coñecida escritora Yolanda Castaño. Un recital onde a autora explora novas formas de recitar a súa obra poética, achegándose ao multimedia, con efectos de son e proxeccións vídeo. O espectáculo estivo dirixido a alumnado do IES de Brión.

O venres 29 de maio Charo Pita pechará a programación cunha actividade dirixida aos nenos/as da Escola Infantil Municipal, que se celebrará na propia gardería.