LEMBRANZA IMPORTANTE
O venres 25 de setembro a biblioteca municipal
permanecerá pechada con motivo da celebración da
Romaría de Santa Minia

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

Amosando publicacións coa etiqueta IES de Brión. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta IES de Brión. Amosar todas as publicacións

luns, 13 de maio de 2019

O alumnado do IES de Brión acada o Premio especial do Festival Audiovisual Escolar Olloboi

O alumnado do IES de Brión ven de acadar un novo recoñecemento á súa excelencia e talento no eido do audiovisual. O pasado 10 de maio, o colectivo IESBrionCine do centro de secundaria brionés acadou o Premio Especial do Festival Olloboi. Un certame de cinema que celebrou a súa novena edición no espazo dos Estaleiros Triñanes en Boiro.

Un festival audiovisual escolar onde se presentaron traballos de varios centros de ensino da bisbarra. O xurado escolleu ás curtas gañadoras entre un total de 157 pezas que se presentaron a concurso. As rapazas e rapaces de Brión conseguiron o recoñecemento coa curtametraxe “Mais eu non son eu”, que foi elixida pola súa calidade audiovisual e bagaxe pedagóxica.

Parabéns unha vez máis!

venres, 5 de abril de 2019

II Certame Literario IES de Brión 2019. Prazo de presentación ampliado ata o 24 de abril

Para conmemorar o Día das Letras Galegas, o IES de Brión e a ANPA Pedra Viada organizan por segundo ano o Certame Literario IES de Brión 2019. Un concurso que nesta edición presenta o lema "Avoa, cóntame outra vez", en relación coas historias de avoas e avós reais ou imaxinarios, contadas aos seus netos que nos gustaría ter escoitado algunha vez.

O certame de creación literaria está dirixido ao alumnado do centro de Secundaria de Brión, onde os interesados e interesadas poderán participar presentando obras orixinais nas modalidades de relato curto, poesía e ensaio; cun máximo de tres traballos por cada unha das modalidades. 


1. BASES:
 
Poderá participar todo o alumnado matriculado no IES de Brión no curso 2018/19, cun máximo de tres traballos, un por cada unha das modalidades das que consta o certame. Esta cita está pensada para conmemorar o 17 de Maio, así que a lingua empregada será o galego.

2. MODALIDADE DE RELATO CURTO:

-Establécense dúas categorías:
 
Cat. A (Iº ,2º e 3º de ESO)
Cat. B ( 4º de ESO e BAC)

A extensión dos traballos oscilará entre os dous folios de mínimo e os catro de máximo, en tipo de letra Times New Román, tamaño 12 e entreliñado 1,5.

3. MODALIDADE POESÍA:

-Establécense dúas categorías:

Cat. A (Iº , 2º e 3º da ESO)
Cat. B (4º de ESO e BAC)

Os traballos contarán cun mínimo de 20 versos.

4. MODALIDADE DE ENSAIO:

-Establécense dúas categorías:

Cat. A (1º, 2º e 3º de ESO)
Cat. B (4º de ESO e BAC)

A extensión dos traballos oscilará entre os dous folios de mínimo e os catro máximo, en letra Times New Román tamaño 12 e entreliñado 1,5.

5. ENTREGA DOS TRABALLOS:

A data límite para participar no certame é o 24 de abril [PRAZO AMPLIADO]. Os traballos deberán entregarse en conserxería do Instituto no interior dun sobre, que no seu exterior indicará so o lema do Certame Literario. Irán asinados unicamente cun pseudónimo xunto á categoría á que pertencen, acompañados doutro sobre máis pequeno en cuxo interior figurará a identidade real da autora ou autor do traballo.

6. PREMIOS:
 
O xurado elixirá tres premios por cada categoría, en cada unha das tres modalidades:

1º Premio: 60 €
2º Premio: 40 €
3º Premio: 20 €

O fallo do xurado darase a coñecer no IES de Brión, nas vésperas do 17 de maio.

A organización do Certame Literario IES DE BRIÓN 2019 resérvase a potestade de publicar o contido dos traballos gañadores. O obxectivo de dalos a coñecer é exclusivamente poñer en valor o esforzo creativo dos participantes e animar a que cada vez máis alumnado se sume a esta cita.

venres, 21 de setembro de 2018

Cándido Pazó actúa no IES de Brión en apoio ás reivindicacións das familias do alumando do centro

Este sábado, 22 de setembro, o polifacético actor Cándido Pazó actuará no IES de Brión en apoio ás reivindicacións das familias do alumnado deste centro de Secundaria.
Cos seus contos, o recoñecido artista vai por un toque de humor nunha loita a prol de ampliar o cadro de persoal docente do Instituto de Secundaria brionés para garantir unha educación pública de calidade.
O serán lúdico terá lugar a partir das 18:00 h. no mencionado centro e está dirixido a público familiar.

xoves, 3 de maio de 2018

O certame literario "As mulleres da miña vida" amplia prazo de presentación de textos

Como xa informaramos neste blog, o IES de Brión a a ANPA Pedra Viada organizan para conmemorar o Día das Letras Galegas 2018 o 1º Certame Literario Maio en Brión, que nesta edición inaugural toma como referencia o lema "As mulleres da miña vida". 

Un concurso dirixido ao alumnado do centro de Secundaria de Brión matriculado no curso 2017/18, onde os interesados e interesadas poderán participar presentando obras orixinais nas modalidades de relato curto, poesía e ensaio; cun máximo de tres traballos por cada unha das modalidades.

Para todas as persoas interesadas en participar, e que aínda non presentaron os seus textos a concurso, hai unha boa nova. Segundo nos informou a organización, ampliase o prazo para facelo ata o vindeiro día 9 de maio. Se queres coñecer as bases que rexen este concurso literario, preme na seguinte ligazón.

Anímate a participar! Anda estás a tempo.

venres, 23 de marzo de 2018

As mulleres da miña vida: I Certame Literario Maio en Brión organizado polo IES de Brión e a ANPA Pedra Viada

O IES de Brión a a ANPA Pedra Viada organizan para conmemorar o Día das Letras Galegas 2018 o 1º Certame Literario Maio en Brión, que nesta edición inaugural toma como referencia o lema "As mulleres da miña vida".
Un concurso dirixido ao alumnado do centro de Secundaria de Brión matriculado no curso 2017/18, onde os interesados e interesadas poderán participar presentando obras orixinais nas modalidades de relato curto, poesía e ensaio; cun máximo de tres traballos por cada unha das modalidades.


BASES:

1. Poderá participar todo o alumnado matriculado no IES de Brión no curso 2017/18 cun máximo de tres traballos, un por cada unha das modalidades. Esta cita está pensada para conmemorar o 17 de Maio, así que a lingua empregada será o galego.


2. Os traballos tomarán como referencia o lema do certame: "As mulleres da miña vida". 

3. MODALIDADE DE RELATO CURTO. Establécense dúas categorías:

- CAT A (1º, 2º e 3º de ESO)
- CAT B (4º de ESO e BACH)

A extensión dos traballos oscilará entre as dúas e as catro páxinas, cun corpo de letra 12 e interliñado 1,5.

4. MODALIDADE POESÍA. Establécense dúas Categorías:

- CAT A (1º, 2º e 3º de ESO)
- CAT B (4º de ESO e BACH)

Os traballos contarán cun mínimo de 20 versos.

5. MODALIDADE DE ENSAIO. Establécense dúas categorías:

- CAT A (1º, 2º e 3º de ESO)
- CAT B (4º de ESO e BACH)

A extensión dos traballos oscilará entre as dúas e as catro páxinas, cun corpo de letra 12 e interliñado 1,5.

6. ENTREGA DOS TRABALLOS. A data límite para participar no certame é o 30 de abril. Os traballos deberán entregarse en conserxería no interior dun sobre, que no exterior indicará só o lema do Certame Literario. Irán asinados unicamente cun pseudónimo xunto á categoría á que pertence. No interior doutro sobre máis pequeno deberá figurar a identidade real da autora ou autor.

7. PREMIOS. O xurado elixirá tres premios por cada categoría, en cada unha das tres modalidades.

1º Premio: 60 €
2º Premio: 40 € 
3º Premio: Lote de material
O fallo do xurado darase a coñecer a véspera do 17 de maio.