FONDO


Segundo os datos da última estatística oficial de Bibliotecas, referidos a decembro de 2011, a biblioteca municipal conta con 11547 rexistros organizados en diferentes seccións, que permiten un acceso rápido e doado a tódolos seus fondos. A primeira de todas é a Sección de MONOGRAFÍAS, cos volumes clasificados por materias, e onde poderás atopar obras de case tódalas disciplinas do saber, dende Filosofía, Ciencias Sociais, Matemáticas, Física ata Literatura ou Historia, divididos a súa vez en dúas subseccións correspondentes a Lingua galega e Lingua castelá.

O acceso á lectura como ferramenta para o lecer está garantida coa Sección de LITERATURA, que dispón dunha gran variedade de obras de narrativa, teatro e poesía, tanto en Lingua galega coma en Lingua castelá.

Mención destacable merece a Sección de OBRAS DE CONSULTA E REFERENCIA, situada nas salas de estudo e traballo, cunha importante selección de enciclopedias, dicionarios, anuarios, atlas e obras temáticas ilustradas, de recente adquisición.

Atendendo ás idades, noutra sala especializada e na sala principal atópase a SECCIÓN INFANTIL-XUVENIL, coas últimas novidades para os máis cativos, e para os que non o son tanto.

Mención especial merece a nova COMITECA, unha sección de recente creación que reúne, organizados por temáticas, unha colección de Banda Deseñada composta por 260 exemplares de cómics infantís e para adultos.

Tamén existe unha sección de AUDIOVISUAIS E MULTIMEDIA, onde se pode atopar audiovisuais e material multimedia, como películas cinematográficas, documentais, música e CD-Rom multimedia, cunha especial atención ao público máis novo.

A biblioteca dispón de expositores cunha selección de publicacións periódicas, composta por:

Prensa diaria:
La Voz de Galicia, El Correo Gallego, El Mundo e El País.

Semanarios:
Tierras de Compostela.

Suplementos de prensa:
El Cultural, Mujer de hoy, Pantalla, El País semanal

Revistas:
Leer, O ollo público, Revista de Defensa, Altamira, + Cultura, Biblio diversidad, Praza das Letras, Longa lingua, Biblos: clube de lectura, Círculo de Lectores 

Política de Doazón de materiais á biblioteca

As doazóns acéptanse co acordo de que o material doado pasa a ser propiedade legal da biblioteca, quen pode organizar, manter e utilizar este fondo como considere axeitado. Os fondos integraranse dentro da colección e estarán dispoñibles para o seu uso e préstamo, segundo as normas da Biblioteca.

A Biblioteca resérvase a función de selección dos documentos recibidos en doazón, así como o dereito de doalos a outra institución ou, no seu defecto, devolvelos ao seu doador se este así o indicase, empregalos en actividades como “Bookcrossing” (intercambio de libros), ou ben optar por reciclalos.

A biblioteca aceptará:

  • Libros en bo estado de conservación, de nivel divulgativo, con valor cultural que enriqueza o fondo da Biblioteca.
  • Poden ser: libros de ciencias, humanidades e obras de ficción, en calquera lingua
  • Publicacións sobre Brión e a súa bisbarra.
  • Libros que se encontren xa no fondo da Biblioteca, pero que a súa actualidade e volume de préstamo aconselle dispoñer de máis exemplares.
  • Audiovisuais orixinais en bo estado, en formato DVD, CD e Bluray

Non se aceptan:

  • Documentos en mal estado de conservación ou usados, como manuais escolares, libros de exercicios, recortables ou cadernos para colorear
  • Obras de contido non apto para unha biblioteca pública. Considérase non apto calquera contido que sexa violento, pornográfico, racista e que atente contra os dereitos da infancia ou sexan anticonstitucionais; así como aqueles materiais que poidan ferir a sensibilidade dos usuarios, dado o carácter público do servizo, tales como as referidas a violencia, sexo, racismo, apoloxía do terrorismo, etc.
  • Documentos que polo seu contido poden quedar obsoletos con rapidez, como manuais de informática, libros de texto, etc., ou que xa perdesen a súa vixencia informativa.
  • Dicionarios e Enciclopedias cuxa data de publicación supere os cinco anos de antigüidade segundo data do Depósito Legal.