HORARIO DE SEMANA SANTA

Do 25 ao 27 de marzo:
Mañás: 10:30 a 13:30 h.
Tardes:16:30 a 19:30 h.

Os días 28 e 29 de marzo a biblioteca permanecerá pechada.

OS NOSOS CLUBS

CLUB CAMALEÓN

A historia do camaleón

No mes de xullo, un día que o bibliotecario estaba limpando os andeis da biblioteca e colocando os libros da sección infantil, atopou agochado no medio dos libros dun dos caixóns un animal moi raro, nin grande nin pequeno, con ollos saltóns que xiraban en todas as direccións, unha cola moi longa e unha lingua aínda máis longa que o rabo.

Era un camaleón!!
Pero era un camaleón moi raro, era case transparente, non tiña cores.

Cando o bibliotecario lle preguntou quen era, de onde viña, como entrara na biblioteca…, o camaleón quedou pampo, con cara de non saber nin onde estaba e, efectivamente, iso era o que lle pasaba, perdera a memoria e non lembraba nin tan sequera o seu nome.

Desde ese día o camaleón vive na biblioteca, entre os libros, lendo contos e historias a ver se así se lembra de algo. Dálle moita moita vergonza estar case espido, sen cores, e por iso nunca deixa que ninguén o vexa, tan só se achega de vez en cando onda o bibliotecario, cando ten ganas de falar.

Este ano entre todos imos axudarlle ó camaleón a recuperar as súas cores para que así non teña vergonza e se deixe ver e deste xeito poder axudarlle tamén a recuperar a súa memoria e saber quen é, de onde vén, se ten amigos ou familia.

Axúdanos a darlle cor ó noso camaleón. Pincha nas imaxes e descarga o debuxo. Logo,  imprímeo  e coloréao. 
camaleon 1
camaleon 2
Camaleón nº 1 para pintar
Camaleón nº 2 para pintar

O noso club, agora coa vella do Peto e o vello Sofío:

Inscríbete no novo Club Camaleón e participa nunha nova proposta lúdíca e didáctica  da man de Mancuco Animación, unha actividade de animación á lectura da que podes formar parte se tés entre 3 e 8 anos de idade. Todos os sábados, de 12:00 a 13:15 horas (aprox.), os nenos e nenas inscritos participarán en diferentes e divertidas actividades como xogos, conta contos, obradoiros, etc. que se celebrarán na BPM de Brión. A actividade é totalmente de balde.


En que consiste o Club Camaleón

Mancuco Animación realiza esta campaña de animación a lectura e dinamización lingüística que vai estar dirixida a crianzas de 3 a 8 anos e proporá diversas actividades:
  • Dinámicas de grupo e xogos de presentación coa linguaxe e as palabras.
  • Obradoiros creativos.
  • Xogos activos de exterior.
  • Lecturas colectivas de libros.
  • Charlas formativas sobre as bibliotecas e o seu funcionamento.
  • Obradoiros: escritura creativa, banda deseñada, encadernación (como se fai un libro), creación de personaxes.
  • Achegamento a outras culturas e lugares xeográficos.
  • Sexamos xornalistas: creación dunha revista e un xornal.
  • Visitas culturais, de escritores.
  • Achegamento ao mundo da dramaturxia con monicreques.
Desta xeira, o Superlectoriño cede o paso a dous entrañables personaxes, a vella do Peto e o vello Sofío que nos van guiar nunha emotiva andaina entre libros e lecturas. Porque no Concello de Brión reside moita xente maior á que o paso do tempo foi enriquecendo en experiencia de vida, converténdoos en persoas moi valiosas con moitísimos recursos para compartir.

Cunha misteriosa manta máxica e coa axuda das nenas e dos nenas de Brión, viaxarán a través do tempo para coñecer a escritoras e escritores e vivir aventuras relacionadas co mundo dos libros, tratando de descubrir que lle aconteceu ao Superlectoriño e a “Os aliados contra o cuarto inimigo”, pois desapareceron sen deixar rastro. 

Para saber máis ou inscribirte na actividade, chama ao número de teléfono: 981 50 99 69 (biblioteca)



Continúa a súa andaina o club de lectura, unha actividade de dinamización dirixida a maiores de 16 anos con gañas de compartir experiencias lectoras con outras persoas. A idea é reunirnos periodicamente para realizar unha posta en común de libros que previamente leremos de xeito solidario.

Para inscribirte no club de lectores da biblioteca só é necesario que che guste ler (ou que queiras iniciarte neste enriquecedor hábito) e que lle dediques un pouco do teu tempo de lecer ás xuntanzas periódicas que faremos. Diríxete á biblioteca ou chama ao tfno.: 981 50 99 69 para participar nesta actividade.

Vindeira lectura e xuntanza:

Título: "Una madre" de Alejandro Palomas

Faltan unhas horas para a medianoite. Por fin, despois de varias tentativas, Amalia logrou aos seus 65 anos ver cumprido o seu soño: reunir a toda a familia para cear en Noitevella.
Unha nai conta a historia de como Amalia tece co seu humor e a súa entrega particular unha rede de fíos invisibles coa que une e protexe aos seus.
Sabe que vai ser unha noite intensa, chea de segredos e mentiras, de moita risa e de confesións longo tempo contidas que por fin estalan para descubrir o que queda por vivir. Sabe que é o momento de actuar e non está disposta a que nada a aparte do seu labor.
A obra non é só o retrato dunha muller valente e entrañable, e dos membros da súa familia que dependen dela e da súa peculiar enerxía para afrontar as súas vidas, senón tamén un indicio do que a condición humana é capaz de demostrarse e mostrar cando profunda na súa mellor versión.

Fonte: Editorial Destino

Data da reunión: 29 de abril
Hora: 20:00 h.
Lugar: B.P.M. de Brión, Carballeira de Santa Minia nº 2.