venres, 5 de setembro de 2025

Encontros literarios: presentación en Brión de "1140" de María José Tardáguila

Este outono a Biblioteca Municipal retoma os seus encontros literarios cunha cita moi especial: a presentación da novela 1140, ópera prima de María José Tardáguila. O acto terá lugar o xoves 2 de outubro ás 20:00 h. na Sala Municipal de Exposicións de Brión, espazo de referencia para este tipo de actividades culturais.

1140 é unha intensa novela histórica que nos transporta ao Camiño de Santiago do século XII, unha época marcada pola espiritualidade e os enigmas. Entre peregrinos, cabaleiros templarios e habitantes da ruta, a obra mergúllanos nun relato cheo de desafíos, perigos e anhelos de redención. A narrativa destaca pola súa ambientación rigorosa e pola capacidade de recrear o ambiente medieval que rodeaba a ruta xacobea.

A autora, María José Tardáguila, é veciña de Brión e presenta con esta obra a súa primeira incursión no panorama literario, publicada pola editorial Cuatro Hojas, especializada en dar voz a novas creadoras e creadores. A súa proposta combina investigación histórica cunha trama chea de intriga, sentimentos e preguntas universais sobre a fe e o destino.

A entrada ao evento será libre ata completar a capacidade da sala. Animámoste a anotar esta data na túa axenda cultural e a compartir connosco este interesante serán.

 

0 comentarios :

Publicar un comentario