martes, 10 de xuño de 2025

Presentación en Brión do libro "A toponimia dos celtas brigantinos e doutros pobos da Gallaecia" de Fernando Cabeza Quiles

O vindeiro 20 de xuño ás 20:00 h., a Sala Municipal de Exposicións de Brión (Casa da Cultura) acollerá a presentación da obra A toponimia dos celtas brigantinos e doutros pobos da Gallaecia, do recoñecido investigador Fernando Cabeza Quiles. Neste encontro literario tamén participará, acompañando ao autor, o sociólogo Santiago Pazos.

Cabeza Quiles é un dos maiores expertos en toponimia galega e autor de varias publicacións que analizan a evolución histórica e lingüística dos nomes de lugar en Galicia. A súa contribución ao estudo da identidade cultural a través da linguaxe fai del un referente imprescindible neste campo.

Esta é unha obra de investigación filolóxica, que desentraña os arcanos da toponimia máis antiga e escura dos "brigantinos", sen esquecer as pegadas toponímicas deixadas por outros pobos celtas que viviron na antiga Gallaecia. O libro ofrece propostas toponímicas innovadoras, ata o de agora inéditas, e porfía en exhumar un período da historia de Galicia pouco coñecido e especialmente ignorado: o dos celtas ou celtici do noso antigo territorio. O traballo combina rigor histórico e lingüístico cunha visión accesible para o público xeral.

A entrada a este evento, organizado pola biblioteca municipal, será libre ata completar a capacidade do local.



0 comentarios :

Publicar un comentario