O primeiro de marzo iniciamos unha nova temporada dos encontros literarios da biblioteca municipal. Unha actividade que este ano comeza coa presentación do libro “La sonrisa permite respirar al alma”, publicado pola editorial Tepublicamos, primeira incursión literaria de Ana María Veiga.
Un conxunto de máis de cen relatos curtos na procura de motivar, axudar, apoderar ás mulleres que teñen unha discapacidade ou que está a sufrir unha doenza. Ana María narra como as súas vivencias foron fonte de aprendizaxe, como a través da dor se pode ser máis forte e ser tamén unha persoa coa empatía suficiente como para entender todos os medos aos que as persoas con enfermidades crónicas están abocadas. Aprender a sacar cousas positivas dos peores momentos e a nunca deixar de arriscarse.
A presentación celebrarase o día 1 de marzo ás 20:00 h. na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura). Un evento que anticipa a celebración do 8M, Día da Muller. Un serán literario ao que todas e todos estamos convidadas/os. Ana María estará acompañada por Carmen Pazos, que se encargará de presentar á autora, e Josefa, que recitará algún dos relatos da obra.
0 comentarios :
Publicar un comentario