O 23 de abril celebramos o "Día do libro e dos dereitos de autor", unha efeméride impulsada dende 1995 pola Unesco coa intención de homenaxear o libro e a lectura e fomentar o respecto pola importante achega social e cultural dos autores. Coincidindo coa data do falecemento en 1616 de Cervantes, Shakespeare e coa festa de Sant Jordi en Cataluña, o 23 de abril é a gran celebración do libro, das librarías e bibliotecas, da promoción da lectura, da tradución e do respecto á propiedade intelectual.
A B.P.M. de Brión desexa conmemorar un anos máis esta efeméride tan significativa a través dunha programación especial de actividades nas que destacan un espectáculo de narración oral, unha presentación bibliográfica, unha solta de libros, así coma varias propostas e contidos virtuais a través das redes sociais da biblioteca. Se queres coñecelas con máis detalles, continúa coa lectura.
Programación especial, abril mes do libro e a lectura
Programación especial, abril mes do libro e a lectura
“O libro dos pos máxicos” de Marisa Irimia
Marisa Irimia presentará en Brión un espectáculo de narración oral destinado a crianzas de entre 4 e 11 anos de idade. Un serán contacontos que se celebrará o venres 21 de abril ás 18:00 h. na Sala municipal de Exposicións (Casa da Cultura) con entrada de balde ata completar a capacidade do local.
Os contos serven para moitas cousas prodixiosas, mesmo para resolver misterios nas súas páxinas. Hai na biblioteca un libro moi especial, encantador e feiticeiro, que, cuns pos máxicos aquí e uns pos máxicos alá, axudaranos a aderezar a vida e os contos dende unha perspectiva ...máxica!!.
Encontro literario
Non será un, senón dous os libros que se presentarán en Brión o vindeiro venres 28 de abril. Un encontro literario no que coñeceremos as primeiras traducións ao galego de dúas obras clave da literatura universal, escritas por dous autores premiados co Nobel de Literatura.
Falamos de “Vinte poemas de amor e unha canción desesperada” de Pablo Neruda e “Crónica dunha morte anunciada” de Gabriel García Márquez, ambas obras publicadas pola editorial Medulia e traducidas á nosa lingua por X. Amancio Liñares Giraut e María Rey Rey. Os tradutores, que tamén exercen coma editores literarios, estarán acompañados para a ocasión polas filólogas e escritoras Carmen Blanco Ramos e Mª Carmen Perafita Couto.
“Colle o teu libro e corre”: Solta de libros
Tralas experiencias moi positivas de “Libros para sermos libres” (en colaboración coa Deputación da Coruña) en 2018, “Libros libres” en 2019 e “Libros desconfinados” en 2021, iniciativas coas que se repartimos entre a cidadanía de xeito totalmente gratuíto varios centos de exemplares para fomentar a lectura, a biblioteca municipal retoma unha vez máis esta actividade.
Baixo o mesmo slogan que o pasado ano, “Colle o teu libro e corre”, agasallaremos á cidadanía de Brión cun libro a escoller no punto de recollida que habilitaremos para a ocasión no recibidor da biblioteca municipal.
A iniciativa porase en marcha o venres 21 de abril e repetirase o día 24 no horario de apertura da biblioteca; e dicir, de 9:00 a 13:30 h. e de 16:30 a 21:00 h. Por certo que non será necesario traer libros de intercambio, aínda que quen desexe facelo poderá ceibar na mesa os seus propios exemplares.
Unha vez máis, lanzamos esta proposta a través do Facebook (@bibliotecadebrion) e do Twitter (@bibliobrion) para que todas e todos compartades coa etiqueta #librosdanosavida lecturas que vos marcaron nalgún momento e queirades recomendar ao resto de usuarias e usuarios da biblioteca.
Tan sinxelo como propoñer un título, o autor, unha edición concreta (se considerades que é significativo) e porque se converteu nunha lectura importante para vós nun momento determinado da vosa vida. Podedes facelo a través dun texto, con imaxes ou gravando un breve vídeo.
Libros con cara (-tula) | #librosconcaratula
Neste caso convidámosvos a partillar as cubertas dun libro (ou varios) que esteades a ler ou rematarades de facelo recentemente. Pode ser unha lectura en formato papel ou dixital, novo ou vello, novela ou conto, poesía ou teatro, biografía, álbum infantil, revista, etc. Tomade unha foto e compartídea connosco no Facebook ou no Twitter da biblioteca, coa etiqueta #librosconcaratula.
Un libro que vos fai compañía no tempo de lecer, unha obra que vos axuda a aprender, a viaxe e coñecer mundo neste tempo de incerteza. Non hai limite...
Solta de libros virtuais e recomendacións de lectura
Ademais da solta de libros dos días 21 e 24, entre o 20 e o 25 de abril compartiremos recursos culturais e informativos para a lectura e o lecer. Recomendaremos libros e outros contidos dixitais accesibles en préstamo dende as plataformas GaliciaLe-eBiblio e ebibliodacoruna. Tamén libros dixitais (e-books) de libre distribución para incorporar á vosa biblioteca.
Animádevos a participar e feliz Día do Libro 2023!
0 comentarios :
Non se permiten novos comentarios.