venres, 15 de abril de 2016

Nova aplicación móbil para coñecer mellor o patrimonio cultural e servizos do Concello de Brión

O Concello de Brión ven de lanzar unha nova aplicación para dispositivos móbiles, compatible con teléfonos intelixentes (smartphones) e tabletas dixitais. O obxectivo desta “app” non é outro que converterse nunha ferramenta de promoción turística do Concello de Brión, que permita aos usuarios atopar toda a información sobre os principais atractivos turísticos que existen dentro do territorio municipal, permitindo a localización xeográfica e a visualización en imaxes dos mesmos en dispositivos móbiles dun xeito atractivo e sinxelo.
Baixo a denominación de “Concello de Brión”, a aplicación presenta un sinxelo menú estruturado en diferentes categorías:


  • Arquitectura arqueolóxica (castros, megálitos, etc.)
  • Arquitectura civil (pazos, pontes, fontes, etc.)
  • Arquitectura militar (Castelos)
  • Arquitectura relixiosa (Igrexas, capelas, cruceiros, etc.)
  • Patrimonio cultural
  • Patrimonio natural
  • Onde comer e onde durmir
  • Que facer (Festividades, exposicións, etc.)
  • Que ver (Cunha selección de lugares de interese destacados)
  • Servizos (Servizos municipais, sanidade, emerxencias, hostaleira, etc.)
En cada unha delas aparecen distintos lugares que podemos seleccionar para acceder aos contidos de xeito doado. Nas fichas individuais de cada elemento atoparemos datos de interese e imaxes dos lugares, xunto coa súa localización xeográfica, que ademais ofrece a posibilidade de navegar cara a eles grazas a “Google Maps”. O acceso aos contidos pode facerse por igual en galego e castelán, tan so debemos seleccionar a lingua preferida premendo na icona de configuración para cambiar o idioma do programa.
A aplicación xa está dispoñible para os usuarios de “Android” na tenda “Google Play” e tamén na “App Store” de “iOS”, para os posuidores dun dispositivo “Apple”. Unha vez descargada e instalada no dispositivo, podemos comezar a usala de xeito inmediato, sen máis requirimentos. Deseñada pola empresa “Sixtema” para o Concello de Brión, que administra os contido, a nova “app” convive a asemade con “Brión en Rutas”; outra interesante aplicación, na que tamén colabora o concello, que permite descubrir Brión a través de tres rutas con temáticas diferentes. Ámbalas dúas contaron co apoio económico da Deputación Provincial da Coruña.
Coa idea de mellorar este recurso na medida do posible, o Concello de Brión solicita a colaboración da veciñanza e usuarios da aplicación para que realicen suxestións de cara a solucionar carencias e corrixir erros. O contacto deberá realizarse a través do seguinte enderezo de correo:
 Porque todos podemos achegar o noso gran de area para mellorar un recurso que sitúa a Brión no mapa das novas tecnoloxías.


0 comentarios :

Publicar un comentario