O xoves 21 de abril a biblioteca municipal de Brión convida aos lectores máis pequenos a participar nunha actividade de animación dirixida a nenos/as a partir de 4 anos de idade. Trátase dun novo serán contacontos a cargo da animadora Carmen Domech que presentará na sala infantil “Contacontos de libros contentos”, un espectáculo de narración oral co que celebraremos unha data moi especial, o 23 de abril, Día do Libro.
Carmen virá acompañada dos libros da súa casa, que tolearon por completo. A cada un aconteceulle un suceso incrible e agora viaxan nunha maleta de acá para alá querendo contar a súa historia. Hainos de todo tipo: tímidos, divertidos, intrépidos, deliciosos; e cada un narra unha historia fantástica, pois de todo lles pasou.
O serán lúdico, que se prolongará aproximadamente durante 50 min., comezará a partir das 18:00 h. na sala infantil da biblioteca pública municipal. A entrada será de balde.
0 comentarios :
Publicar un comentario