xoves, 21 de marzo de 2013

"Todo é silencio" de Manuel Rivas, vindeira lectura do club

Tras “Crime en Compostela” de Carlos G. Reigosa continuamos a nosa senda lectora da man dun dos autores máis recoñecidos do actual panorama literario galego e nacional: o coruñés Manuel Rivas. Xornalista de profesión, ten publicado numerosos libros de poemas, novelas, artigos e ensaios literarios. Está considerado pola crítica como un revolucionario da literatura galega contemporánea sendo el un personaxe comprometido coa súa terra e coa súa cultura.

Todo é silencio, unha novela sobre o contrabando

“Todo é silencio” foi publicada por Edicións Xerais en outubro de 2010 e acadou o premio de narrativa da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) en 2011. Tamén nese ano comezou a rodaxe da adaptación cinematográfica da obra, con guión de Gerardo Herrero, dirixida por José Luis Cuerda e coa participación de Quim Gutiérrez, Ángel Silvestre e Celia Freijeiro.

Argumento:

En Noitiá, na costa atlántica, houbo un tempo en que as redes do contrabando, reconvertidas ao narcotráfico, alcanzaron tanta influencia que estiveron moi preto de controlalo todo: o poder social, as institucións, a vida das súas xentes.

Fins, Leda e Brinco exploran a costa á busca do que o mar bota tras algún naufraxio, o mar é para eles un espazo de continuo descubrimento. O destino destes mozos estará marcado pola sombra odiosa e fascinante a un tempo do omnipresente Mariscal, dono de case todo en Noitiá.

A narración segue a liña das anteriores novelas do autor. Está escrita en terceira persoa cun narrador omnisciente, e inclúe abondosas descricións. Parte da historia está baseada en feitos e personaxes reais, relacionados cos clans do contrabando e narcotráfico existentes no Salnés e o Barbanza, relacionados á súa vez con clans estranxeiros. Así mesmo, teñen bos contactos coa igrexa e coa xustiza.

A trama comeza a mediados da década de. A segunda parte comeza uns 20 anos despois, a mediados da década de 1980. Co paso do tempo vanse vendo as melloras tecnolóxicas usadas polos clans para comunicarse e para transportar a droga.

Para comentar esta obra reunirémonos o vindeiro 10 de abril ás 20:30 h.

0 comentarios :

Publicar un comentario