Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

luns, 24 de xullo de 2023

En agosto, a biblioteca municipal pecha

Este ano, en agosto, a biblioteca municipal permanecerá pechada todo o mes. Dende o 31 de xullo e ata o 4 de setembro interromperanse os servizos bibliotecarios.

Aquelas persoas usuarias que teñen libros en préstamo, poderán devolvelos o día 4 de setembro, data na que se retomará o funcionamento habitual.

Aínda que os servizos presenciais estarán interrompidos neste período, as persoas que procuren lecturas en agosto poderán recorrer á plataforma de préstamo dixital de GaliciaLe, onde accederán a libros (e outros contidos) en formato dixital para ler nos seus dispositivos móbiles (e-readers, tabletas, teléfonos intelixentes, computadoras). Todas as persoas con carné de Rede teñen este servizo activado por defecto.

Os usuarios con carné de Rede da provincia de A Coruña, tamén poderán recorrer ao servizo de préstamo dixital de eBibliodacoruna, que ofrece a biblioteca da Deputación ás persoas usuarias da provincia. Trátase dunha plataforma gratuíta con múltiples recursos dixitais para lectura. Se aínda non a activaches, podes darte de alta aquí.

O día 4 de setembro volvemos; ata entón, un feliz verán e boas vacacións! (cheas de boas lecturas).

venres, 14 de xullo de 2023

#HoxeEscriboEn 2023: Relatos para viaxar polos concellos da provincia da Coruña

 A Biblioteca Provincial e Turismo da Deputación da Coruña lanzan unha nova edición do concurso #HoxeEscriboEn. Porque, 93 concellos da provincia dan para moito escribir. Trátase dunha iniciativa que busca sacar á luz o noso talento creativo, ao mesmo tempo que fomentar o patrimonio dos concellos nos que vivimos.

Para participar, redacta un relato ambientado ou referido ao concello no que vives; pode estar relacionado coa historia local, con unha lenda, con unha tradición do teu concello, con un persoeiro destacado, cos valores positivos do teu concello, a riqueza natural, cultural ou medioambiental... calquera aspecto que axude a destacar o lugar no que vives.

O prazo de presentación dos textos é dende o 1 de xullo ata o 31 de agosto. Podes consultar as bases de participación premendo aquí.

Anímate a participar e presume do teu concello! 



mércores, 5 de xullo de 2023

Pakolas visita Brión coa Ramona pequena

Este mediodía, o noso amigo Pakolas encheu de música e cancións a Carballeira de Santa Minia cun esperado recital onde presentou en Brión “A Ramona pequena vai á Lúa”, un espectáculo musical baseado no seu último libro-disco publicado pola editorial Galaxia.

Pakolas, que se define a si mesmo como roqueiro e guitarrista, cativou coa súa música a un numeroso auditorio composto principalmente por público familiar. Foron os máis péquenos da casa os que gozaron en maior medida das historias da Ramona pequena, unha nena movida por constantes inquedanzas e cunha mente moi esperta; unha rapaza coa que moitas crianzas, de seguro, se identificaron.

Arredor de 115 persoas asistiron a este espectáculo musical de carácter lúdico e educativo, dirixido a crianzas de 4 a 9 anos de idade. Na actividade tamén participaron moitos dos nenos e nenas que asisten estes días ás actividades de conciliación do Concello.

Este evento, organizado pola biblioteca municipal, contou co apoio do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.



 

martes, 27 de xuño de 2023

Horario de verán da biblioteca: mes de xullo

No mes de xullo a biblioteca municipal de Brión adapta as horas de apertura á tempada estival.
Dende o día 3 e ata o 30, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario:

Luns a venres

Mañás: de 10:00 a 13:00 horas.
Tardes: de 16:00 a 19:00 horas.

Dende a biblioteca municipal desexámosche un verán cheo de boas lecturas.