Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

luns, 13 de maio de 2019

O alumnado do IES de Brión acada o Premio especial do Festival Audiovisual Escolar Olloboi

O alumnado do IES de Brión ven de acadar un novo recoñecemento á súa excelencia e talento no eido do audiovisual. O pasado 10 de maio, o colectivo IESBrionCine do centro de secundaria brionés acadou o Premio Especial do Festival Olloboi. Un certame de cinema que celebrou a súa novena edición no espazo dos Estaleiros Triñanes en Boiro.

Un festival audiovisual escolar onde se presentaron traballos de varios centros de ensino da bisbarra. O xurado escolleu ás curtas gañadoras entre un total de 157 pezas que se presentaron a concurso. As rapazas e rapaces de Brión conseguiron o recoñecemento coa curtametraxe “Mais eu non son eu”, que foi elixida pola súa calidade audiovisual e bagaxe pedagóxica.

Parabéns unha vez máis!

mércores, 8 de maio de 2019

Maio Cultural 2019: Os Quinquilláns inauguran a programación con "Language planning"

Os Quinquilláns inauguraron o día 8 de maio a programación do Maio Cultural brionés presentando no Centro Social Polivalente o espectáculo “Language Planning”, unha adaptación teatral dos relatos de “Made in Galiza” do escritor Sechu Sende.

Aproximadamente 65 rapazas e rapaces e 4º da ESO do IES de Brión asistiron a unha función que baixo un punto de vista cómico e retranqueiro presenta a situación que vive o galego na sociedade actual.

Este espectáculo teatral supuxo o arranque dunha ampla programación de actividades que se desenvolverá ao longo do mes de maio co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao profesor Antón Fraguas. O principal destinatario do programa é o alumnado dos diferentes centros de ensino do concello, aínda que tamén contempla actividades dirixidas aos usuarios da biblioteca municipal e á cidadanía en xeral.

Máis información na seguinte ligazón.

sábado, 4 de maio de 2019

Xavier Lama gaña o primeiro Premio Laudamuco para textos teatrais

A primeira edición do Premio Laudamuco para textos teatrais ten gañador. O escritor e xornalista Xavier Lama ven de alzarse co galardón deste certame convocado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas.

O autor participou neste certame coa obra “Na miña alma ouvea un lobo”, presentada baixo o lema “Refachos de dor”. O texto dramático foi un dos 54 traballos avaliados polo xurado que o escolleu pola "capacidade do autor para explorar, con notable eficacia dramática e a través de sucesos e personaxes tomados da realidade, zonas escuras de funcionamento dos estados modernos, sen impoñerlle ao lector puntos de vista únicos"

Xavier Lama é un prolífico autor que ten no seu haber premios coma o Álvaro Cunqueiro de Narrativa, o Camiño de Santiago, o Rafael Dieste, o Manuel María, o María Casares de Teatro; sen esquecer o Esquío e o González Garcés de poesía.

A entrega do premio terá lugar en Brión o vindeiro 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas.

venres, 3 de maio de 2019

Maio cultural 2019, Letras Galegas Antón Fraguas

O Día das Letras Galegas está dedicado este ano a Antón Fraguas, historiador, etnógrafo, antropólogo e xeógrafo galeguista. Co gallo desta celebración, o Concello de Brión, a través da biblioteca municipal de da Casa da Cultura, organiza ao longo do mes de maio unha programación especial de actividades, especialmente destinadas ao público infantil e mozo que cursa estudos nos diferentes centros de ensino brioneses.
O principal obxectivo das actividades que a continuación presentamos non é outro que difundir durante todo o mes o valor da nosa lingua e cultura a través da súa manifestación literaria encarnada este ano na figura de Antón Fraguas.

Maio cultural, Letras Galegas Antón Fraguas

MÉRCORES, 08 DE MAIO:
OS QUINQUILLÁNS presentan "Language Planning". Para alumnado de 4º da ESO do IES de Brión.

VENRES, 10 DE MAIO:
CONTRAPRODUCIÓNS presentan "Fillos so sol". Para alumnado de 3º da ESO e 1º de Bacharelato do IES de Brión.

SÁBADO, 11 DE MAIO:
RUTA ROSALIANA Saída da Carballeira de Sta. Minia ás 9:15 h. Inscrición de balde ata o 30 de abril.

MARTES, 14 DE MAIO:
- MONTSE RIVERA presenta "Cóntocho un traxe". Para alumnado de 3º e 4º de Primaria do CEIP de Pedrouzos.
- TÍTERES ALAKRÁN presentan "Circo Galaico". Para alumnado de 1º e 2º de Primaria do CEIP de Pedrouzos.

MÉRCORES, 15 DE MAIO:
Festa das LETRAS NA CARBALLEIRA "ANTÓN FRAGUAS". Para o alumnado do CEIP de Pedrouzos e Escolas de Os Ánxeles, Bastavales e Luaña. Poesía, música, baile e canto tradicionais, instalacións, etc. Coa a actuación de: "ÇE ORQUESTRA PANTASMA"

XOVES, 16 DE MAIO:
- ELEFANTE ELEGANTE presenta "Lobo bobo". Para o alumnado de Educación Infantil do CEIP de Pedrouzos.
- Acto de entrega do I PREMIO LAUDAMUCO DE TEXTOS TEATRAIS. Ás 12:00 h. diante do busto de Roberto Vidal Bolaño na Carballeira de Santa Minia.

VENRES, 17 DE MAIO:
GALA DA PATINAXE. No Pavillón Polideportivo Municipal.

SÁBADO, 18 DE MAIO:
SENDEIRISMO: Ruta de Aguiño. Saída ás 8:30 h. da Carballeira de Santa Minia. Inscrición no Tfno. 981 50 99 69.

LUNS, 20 DE MAIO:
- MONTSE RIVERA presenta "Cóntocho un traxe". Para alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP de Pedrouzos.
- EXPOSICIÓN COLECTIVA DE PINTURA a cargo das alumnas e dos alumnos da ACADEMIA DAVINCI . Presentación ás 21:00 h. no Centro Social Polivalente. Do 20 de maio ata o 7 de xuño.

MÉRCORES, 22 DE MAIO:
ELEFANTE ELEGANTE presenta "Patapatúm". Para as crianzas das escolas de Os Ánxeles, Luaña e Bastavales.

VENRES, 24 DE MAIO:
Recital dramatizado con SERAFÍN MARCOS "Quen ten un mestre etnógrafo?, Homenaxe a Antón Fraguas" Para o alumnado de 1º e 2º da ESO do IES de Brión.

SÁBADO, 25 DE MAIO:
V ANDAINA TERRAS DE ALTAMIRA.

MÉRCORES, 29 DE MAIO:
TRÉMOLA TEATRO presenta "Que animaliño é?". Para as crianzas da Escola Infantil Municipal de Brión.

VENRES, 31 DE MAIO:
PAKOLAS presenta "As parábolas de Pakolas". Ás 18:00 h. na Sala Municipal de Exposicións.