HORARIO DE VERÁN: AGOSTO
Dende o 27 de xullo ata o 31 de agosto
a biblioteca municipal permanecerá pechada.

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

Amosando publicacións coa etiqueta Rosas y espinas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rosas y espinas. Amosar todas as publicacións

venres, 17 de decembro de 2021

Brión acolleu a presentación do libro “Rosas y espinas” de María Antonia Cao López

A brionesa de Os Ánxeles residente en Barcelona, María Antonia Cao, presentou o xoves 16 de decembro en Brión “Rosas y espinas”, a súa primeira novela publicada pola editorial Letrame. María estivo arroupada por familiares, amigos e unha numerosa veciñanza que acudiu ao evento para coñecer a obra coa que debuta como escritora.
O acto contou coa presenza do alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e da concelleira María Rosa Romero. O rexedor foi o encargado de iniciar o serán literario e, no seu discurso de presentación, destacou as ligazóns que unen a María Antonia con Brión, transmitíndolle á escritora o apoio incondicional de todos os presentes e desexándolle unha longa traxectoria na súa nova faceta como escritora. 
Acompañada na mesa polo seu esposo, José Eduardo Limiñana, e a súa amiga, Vanesa Castro, a autora lembrou emocionada a forte ligazón emocional que a une con Brión, un vínculo inquebrantable a pesares da distancia que separa a Cidade Condal, onde reside na actualidade, da súa parroquia natal de Os Ánxeles, lugar onde transcorreron os seus primeiros anos de vida.
Ao remate do acto, moitas das persoas asistentes achegáronse ata a escritora cun exemplar do seu libro na man, aproveitando a ocasión para saúdala, felicitala e solicitar unha dedicatoria. Un libro que xa forma parte do catálogo da biblioteca municipal e se atopa a disposición de todas as lectoras e todos os lectores por cortesía de María Antonia.

martes, 30 de novembro de 2021

Presentación en Brión do libro de María Antonia Cao López

Marian, con mente prodixiosa, emprende unha viaxe cara a un lugar descoñecido coa ilusión de triunfar no amor e deseñar a súa vida. Eduardo perseguía o mesmo camiño e os mesmos soños de Marian. Estes lévanos ao mesmo encontro coas adversidades que lles impuxo a vida.
Este é o argumento de “Rosas y espinas”, a novela publicada por Letrame que María Antonia Cao López, unha brionesa de Os Ánxeles residente en Barcelona, presentará o vindeiro 16 de decembro na Sala Municipal de Exposicións (Casa da Cultura) ás 20:30 h. Será nun serán organizado pola biblioteca municipal e o Departamento de Cultura ao que está convidada todas a veciñanza.
As persoas que desexen asistir a este acto só deberan enviar unha mensaxe coa solicitude ao enderezo de correo electrónico: bibliotecadebrion@briondixital.org. No correo deberase incluír o nome e apelidos da persoa solicitante e un teléfono de contacto, precisando o número de butacas requiridas. A reserva farase por orde de inscrición ata completar o aforo da sala. 
No acto respectaranse as normas ditadas polas autoridades sanitarias para garantir a seguridade das persoas asistentes. Por iso, será obrigatorio o uso de máscara, o hixienizado de mans na entrada con xel hidroalcólico e permanecer sentados en cadansúa cadeira mantendo a distancia de seguridade entre persoas que non convivan.