LOCALIZACIÓN


A Biblioteca Municipal atópase no primeiro andar do que fora a antiga Casa Consistorial de Brión, un edificio deseñado polo arquitecto César Portela situado na Carballeira de Santa Minia, na localidade de Pedrouzos (Brión). Unhas dependencias que foron previamente rehabilitadas para axeitarse ao novo uso que se lles deu.

Tras o traslado dende as antigas instalacións (planta baixa da Casa da Cultura) a Biblioteca Municipal dispón na actualidade dun renovado espazo de case 190 m2, distribuídos entre unha gran sala central e dúas laterais especializadas, unha delas destinado ao público infantil. Ademais conta cun depósito, localizado no soto do edificio. Unha gran mellora que permitiu aumentar considerablemente os metros lineais de andeis destinados ao fondo bibliográfico e audiovisual que atesoura a biblioteca



Coas novas instalacións estreouse mobiliario: novos andeis, mesas e cadeiras. A sala infantil foi a máis beneficiada neste aspecto. A biblioteca tamén dispón de acceso a Internet, a través de oito computadoras de seu e a wi-fi do Telecentro de Comunicacións. Tamén se habilitou unha zona de lectura informal e outra de estudio (nunhas salas específica), unha “comiteca”, unha sección de audiovisuais e outra de prensa e revistas.

Dispón dun total de 24 postos de consulta nas salas, a parte do servizo de acceso a Internet, composto por 8 terminais. Na sala infantil, dotada de mobiliario axeitado para os máis pequenos, existen dúas mesas con cadansúas 4 cadeiras, ademais dun área informal de xogo.