xoves, 1 de xuño de 2017

O espectáculo "Chíos" de Teatro da Semente pecha a Feira do Libro-Maio Cultural 2017

Despois de case un mes cheo de actividades, a Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2017 chega á súa fin. As encargadas de pór o punto final á programación deste ano foron as integrantes de Teatro da Semente Raquel Queizás e Chus Álvarez que presentaron en Brión “Chíos”, un espectáculo dirixido aos nenos e as nenas da Escola Infantil Municipal.

Foi o mércores, 31 de maio, cando o Centro Social de Brión acolleu no seu espazo multiusos esta entretida función á que asistiron aproximadamente 80 pequenos e pequenas acompañados de mestres e mestras. “Chíos” é un espectáculo de poesía sensorial para bebés de 0 a 3 anos consistente nunha montaxe músico-teatral con cantigas, bailes, música, poemas visuais, xogos e estimulación olfactiva e táctil para os máis pequechos. 

Con esta actividade péchase por este ano unha programación lúdico-cultural que comezou o día 8 de maio e serviu para conmemorar en Brión o mes das Nosas Letras, este ano dedicado ao escritor e editor Carlos Casares.

0 comentarios :

Publicar un comentario