martes, 21 de marzo de 2017

O escritor e editor Francisco Castro participa nunha xuntanza do Club de lectura

Coincidindo co Día Mundial da Poesía, a biblioteca pública de Brión recibiu o martes 21 de marzo ao escritor e director xeral da editorial Galaxia Francisco Castro que fixo un oco na súa apertada axenda para reunirse cos integrantes do club de lectura da biblioteca.

Unha esperada xuntanza para falar sobre a súa última novela, “Amor é unha palabra coma outra calquera” (Galaxia, 2016), unha obra recentemente lida polos integrantes do club. Durante aproximadamente unha hora, Francisco atendeu distintas cuestións presentadas polas lectoras e lectores que participan nesta actividade de dinamización onde, de xeito periódico, poñen en común experiencias lectoras compartidas.

O serán, que resultou moi ameno e didáctico, tamén serviu para coñecer polo miúdo o proceso creativo que supón escribir unha obra literaria. Algo que Francisco coñece moi ben, pois é autor de numerosas obras recoñecidas por crítica e público.

Para rematar o serán, e a xeito de testemuña e en lembranza da súa visita, o escritor e editor vigués asinou un exemplar das súas obras “Amor é unha palabra como outra calquera” e “Tes ata as 10”, dous títulos á disposición de todos os usuarios da biblioteca municipal.

0 comentarios :

Publicar un comentario