luns, 27 de marzo de 2017

BPM de Brión conmemora o Día do Teatro co espectáculo "O Xigante" de Elefante Elegante

O luns 27 de marzo, a BPM de Brión conmemorou o Día Mundial do Teatro cun espectáculo dirixido ao público infantil de entre 3 e 8 anos de idade. A compañía Elefante Elegante presentou “O Xigante”, unha obriña inspirada nun conto de Oscar Wilde que narra unha historia na que conviven o cómico e o poético; a forza da palabra e a elocuencia do xesto; a plasticidade da manipulación dos obxectos e a evolución do dispositivo estenográfico.
O serán teatral reuniu na Sala de Exposicións Municipal arredor de 140 persoas entre nenos e adultos. Un éxito de asistencia sen precedentes que superou todas as expectativas, facendo pequena unha sala que foi escollida precisamente como espazo alternativo á biblioteca polas súas maiores dimensións.
Cabe destacar que esta función converteuse nun evento moi especial ao ser escollida polo secretario xeral de Cultura Anxo M. Lorenzo para presentar aos medios a edición 2017 de “Ler conta moito”, o programa de fomento da lectura na que se inclúe esta actividade, promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Ligazón coa nova na TVG


0 comentarios :

Publicar un comentario