HORARIO DE SEMANA SANTA

Do 25 ao 27 de marzo:
Mañás: 10:30 a 13:30 h.
Tardes:16:30 a 19:30 h.

Os días 28 e 29 de marzo a biblioteca permanecerá pechada.

luns, 20 de febreiro de 2017

Brión lembra a Rosalía cunha ampla programación de actividades

A biblioteca publica municipal e a Casa da Cultura do Concello de Brión desexan celebrar con toda a cidadanía o 24 de febreiro, Día de Rosalía. Para tal fin, e co gallo de conmemorar o aniversario do nacemento da autora, van programar unha serie de actividades lúdicas e culturais destinadas a lembrar a esta senlleira figura das nosas letras.
Ante a coincidencia desta efeméride coas celebracións do Entroido, e para evitar solapamentos, a maior parte das actividades previstas desenvolveranse no vindeiro mes de marzo; a excepción da exposición que a biblioteca dedicará á autora de “Campanas de Bastavales”, que estará dispoñible dende o sábado 18 de febreiro ata rematar a programación. 

Programa de actividades:

- Exposición “Unha imaxe e mil versos”

A biblioteca municipal presenta unha pequena exposición de seu, con imaxes e poemas de Rosalía de Castro: “Unha imaxe e mil versos: fotografías e poemas de Rosalía de Castro”. Unha mostra que simultaneamente se poderá ver na biblioteca escolar “Roberto Vidal Bolaño” do IES de Brión, froito da colaboración entre ambos centros.

- “A viaxe de Rosalía”, monicreques con Larraitz Urruzola

Un espectáculo de monicreques unipersoal sobre Rosalía de Castro, onde da man da narradora e titiriteira, Larraitz Urruzola e con maletas cargadas de monicreques, teas, zapatos e libros, coñeceremos parte da obra Rosaliana e algúns dos momentos da vida desta insigne artista Galega.
O espectáculo celebrarase no espazo multi usos do Centro Social Polivalente o venres 10 de marzo ás 18:00 h. Con entrada libre ata completar aforo. Para todos os públicos.

- Rosalía cumpre 180 anos! Queres celebralo con ela?

Rosalía sae dos libros para celebrar o seu 180 aniversario no seu lugar favorito: a biblioteca. A actriz María Torres caracteriza unha divertida Rosalía que fala da súa vida, dos seus fillos e da súa paixón, a poesía, ao tempo que propón distintos xogos de creación literaria.
O serán de animación celebrarase na sala infantil da biblioteca municipal, o venres 17 de marzo a partires das 18:00 h. Entrada de balde ata completar aforo. Espectáculo especialmente dirixido ao público infantil.

- 3 de marzo: Homenaxe a Rosalía en colaboración co CEIP de Pedrouzos

O venres 3 de marzo, o alumnado do CEIP de Pedrouzos realizará unha pequena ruta pedestre dende o alto do Monte Rubial ata a igrexa parroquial de San Xiao de Bastavales. Nesta andaina, os nenos e nenas de Brión percorrerán os lugares que Rosalía inmortalizou no poema “Campanas de Bastavales”. Un percorrido guiado, acompañado do recitado de poemas da inmortal autora.

- Campaña de fomento da visibilidade da figura de Rosalía entre a cidadanía de Brión.

Trátase dunha acción destinada a fomentar a visibilidade da figura e obra de Rosalía de Castro entre a veciñanza do municipio. Unha campaña que destacará os vínculos sentimentais entre Brión e Rosalía a través dunha lona e unha serie de marca páxinas que presentarán como deseño unha ilustración do recoñecido artista Xosé Vizoso.
A lona instalarase anualmente no balcón da Casa da Cultura de Brión, cada 24 de febreiro, coincidindo coa celebración do Día de Rosalía. Os marca páxinas repartiranse entre os escolares do concello e estarán dispoñibles de balde para toda a cidadanía na biblioteca municipal e nas Casa Consistorial e Casa da Cultura de Brión.

Cartel co programa de actividades:

Cartel coa imaxe da campaña, creación do artista Xosé Vizoso.

0 comentarios :

Publicar un comentario