HORARIO DE SEMANA SANTA

Do 25 ao 27 de marzo:
Mañás: 10:30 a 13:30 h.
Tardes:16:30 a 19:30 h.

Os días 28 e 29 de marzo a biblioteca permanecerá pechada.

xoves, 15 de decembro de 2016

O escritor Eduardo Rojas participa na xuntanza do Club de lectura

Se na anterior reunión do club de lectura contamos coa presenza de Manuel Iglesias Turnes para comentar a súa última novela, nesta ocasión visitou a biblioteca municipal de Brión o autor mexicano afincado en Galicia Eduardo Rojas Rebolledo, que nos acompañou o pasado mércores, 14 de decembro, para charlar sobre a súa obra “La mujer ladrillo”.
Editada polo Fondo de Cultura Económica, a novela narra a historia de Milagro, unha muller que naceu cunha discapacidade severa nunha vila da rexión de Baja California. Segundo nos presenta a propia editorial, a trama, en harmonía co personaxe, posúe unha estrutura circular, o lector inicia e termina o seu percorrido co recordo da protagonista asasinada polo asfalto baixo a follaxe; é, sobre todo, nas páxinas intermedias onde o lector descubrirá poderosas estampas que descobren os momentos máis esenciais da narración. Instantes que, polas súas imaxes, provocan no que cruza as súas páxinas incomodidade, proído.
Eduardo tivo a xentileza de asistir á xuntanza e comentar connosco a lectura en común que fixemos os integrantes do club. Unha oportunidade única e irrepetible para coñecer de primeira man o proceso creativo dunha novela moi recomendable, chea de lirismo e imaxes poéticas que espertan as emocións do lector.
Dixo o escritor Alfredo Conde que “Eduardo Rojas Rebolledo escribe límpido e pulido, diáfano como o aire da Baixa California, o que te leva dende o mar por unha estrada á que os cactos lle cobren a carreira”. Unha prosa que convida a ler de vagar, gozando das evocadoras imaxes que nos trasladan aos territorios da memoria do propio autor.

Eduardo Rojas naceu na cidade de México en 1970. Estudou a licenciatura en Historia na Facultad de Filosofía y Letras, da Universidad Nacional Autónoma de México. É fundador de revista “Epitafios”, da cal foi coordinador editorial ata 1994. En 1996 foi nomeado codirector do suplemento "Revista Mexicana de Cultura", do xornal El Nacional; colaborou en “Excélsior”, El Nacional e nas revistas “Tierra Adentro” e “Etcétera”. En 1991 obtivo mención honorífica no Concurso “Punto de Partida”, polo fragmento da súa novela inédita “A doble llave”. De 1994 a 1995 foi bolseiro do “Instituto Nacional de Bellas Artes” no xénero de novela e, en 1995, obtivo a bolsa do “Fondo Nacional para la Cultura y las Artes para Jóvenes Creadores”. Actualmente está afincado na Galicia, onde cursou estudos de posgrao na Universidade de Santiago de Compostela.
Fonte: Ed. FCE

Eduardo na BPM de Brión con varias das integrantes do Club de lectura.

0 comentarios :

Publicar un comentario