xoves, 10 de marzo de 2016

"A pista de area" de Andrea Camillieri, vindeira lectura do club

Despois de ler e comentar “La analfabeta que era un genio de los números” do autor sueco Jonas Jonasson, navegamos cara a mares máis cálidos, concretamente en dirección ás costas sicilianas, onde temos unha cita co comisario Montalbano.
En Vigata, localidade na que Salvo exerce a súa profesión de policía, descubriremos o entrañable mundo detectivesco recreado polo escritor italiano Andrea Camilleri. Un autor que xa coñecemos no club e que recuperamos para descubrir “A pista de area” (Galaxia, 2007), un título que pertence á serie de novelas protagonizadas polo comisario Montalbano.
Unha mañá, Salvo descobre diante da súa casa o cadáver dun cabalo, sacrificado dun xeito brutal. Trátase dunha ameaza, é un sinal ou un aviso? Que sentido ten esa morte? A partir dese estraño achado, a investigación vaino poñer en contacto co luxoso e tamén ridículo mundo da equitación e da alta sociedade, cunha fermosa amazona e, en contraposición, cos primeiros síntomas da propia decadencia.
Unha novela de intriga, escrita con sentido do humor e moita sutileza literaria, que comentaremos no club de lectura o mércores 6 de abril ás 20:30 h.

0 comentarios :

Publicar un comentario