xoves, 22 de xaneiro de 2015

Club de lectura: "A viaxe de Gagarin" de Agustín Fernández Paz

Despois dos “bichiños” e demais familia de Gerald Durrell, regresamos á neboenta e chuviosa Galiza deixando atrás a soleada e calorosa Corfú para ler unha historia máis próxima. Trátase dunha novela do recoñecido escritor Agustín Fernández Paz que Edicións Xerais publicou a pasada primavera e que xa vai pola segunda edición.
Nela Agustín narra as lembranzas de Miguel Mendiguren, un home na fronteira dos sesenta anos que recorda a proeza do cosmonauta ruso Iuri Gagarin. Daquela el tiña dez anos e gañara un concurso escolar de redacción cun traballo sobre esa primeira viaxe espacial. A raíz diso, os outros nenos pasan a chamarlle Gagarin, un sobrenome que o acompañará durante toda a súa infancia e adolescencia. Mentres se apaga a vida da nai, Miguel lembra os seus anos mozos, na Coruña da década dos sesenta. Os seus rexentan unha imprenta e unha libraría de barrio, aparentan ser unha familia coma as outras. Mais esconden perigosos segredos que Miguel irá desvelando a medida que se abre á complexidade da vida. Unha vida na España desa época, coa ditadura de Franco e a represión das liberdades máis básicas, coa ameaza permanente da Brigada Político Social, a policía secreta do Réxime.
“A viaxe de Gagarin” é a obra escollida para ler e comentar o vindeiro mércores 18 de febreiro a partir das 20:30h. Como de costume, na biblioteca municipal.

Fonte imaxe e argumento: Ed. Xerais de Galicia

0 comentarios :

Publicar un comentario