HORARIO MES DE AGOSTO:
Luns a venres: de 10:00 a 13:00 h.
Sábados, pechamos.

sábado, 18 de maio de 2013

Roberto Vidal Bolaño, sempre en Brión

Roberto Vidal Bolaño está nestas datas moi presente pola homenaxe que recibe no Día das Letras Galegas. Unha conmemoración que Brión vive dun xeito especial por tratarse Roberto dun persoeiro intimamente ligado co concello. Porque non debemos esquecer que Roberto viviu os seus derradeiros anos entre nós. Aínda que nado en Santiago, o autor de “Criaturas” e “Animaliños” elixiu Brión, como lugar de residencia. Por iso non é de estrañar que o seu recordo permaneza moi vivo na lembranza dos brioneses.

Porque Vidal Bolaño sempre estará aquí, en Brión na memoria colectiva do todos. Dos que o coñeceron persoalmente e dos que o descobren por primeira vez. O legado máis valioso que nos deixou é a súa obra literaria e unha importante achega á dramaturxia galega contemporánea na que exerceu case todos os oficios. Porque no teatro galego hai un antes e un despois de Vidal Bolaño, e grazas a el tamén haberá un brillante futuro. A súa herdanza sirve de inspiración e guía a autores, directores e actores que continúan na senda dun home polifacético que o dou todo polo seu oficio.
Roberto e Belén co equipo de "Teatro do Aquí" nas antigas instalacións da BPM de Brión
Brión realiza a súa particular homenaxe a Roberto a través dunha programación especial da Feira do Libro-Letras Galegas 2013. Uns actos que se prolongarán de maio a novembro no Ano Roberto Vidal Bolaño. Dentro do apartado teatral destacamos dúas actuacións que terán lugar neste mes de maio. Dúas representación únicas que terán lugar o sábado 18, coa compañía ‘Teatro do Aquí’, e o día 25, con ‘Teatro Antroido’.

O día 18 de maio “Criaturas”, de 'Teatro do Aquí' achéganos a montaxe orixinal de Roberto Vidal Bolaño a través da dirección de Evaristo Calvo. Despois da súa representación en Oleiros (26 e 27 de abril), Muros (3 e 4 de maio), Vilagarcía (10 de maio) e Santiago de Compostela (do 15 ao 17 de maio) o emblemático texto do xenial dramaturgo represéntase en Brión no Centro Social Polivalente ás 20:30 h., con entrada libre.
 
O sábado 25 de maio 'Teatro Antroido' presenta en Brión “BailadELAS: mulleres boloñesas” de Roi Vidal sobre textos Roberto Vidal Bolaño. 'BailadELAS' está dirixida por Roi Vidal Ponte e Xavier Estévez e interpretada pola actriz Laura Ponte, impulsora xunto con Roberto Vidal Bolaño da compañía Teatro Antroido, revivida para esta produción onde a persoa e as personaxes de Roberto Vidal Bolaño, protagonizan unha obra única para un ano único. A representación será de novo no Centro Social Polivalente ás 20:30 h. con entrada de balde.

Dous espectáculos, dúas oportunidades únicas para coñecer a obra do dramaturgo, actor e director que marcou un antes e un despois no teatro galego de onte, hoxe e sempre.

0 comentarios :

Publicar un comentario