HORARIO MES DE AGOSTO:
Luns a venres: de 10:00 a 13:00 h.
Sábados, pechamos.

xoves, 11 de abril de 2013

'La sonrisa etrusca' de José Luis Sampedro, próxima lectura do club

De cada reunión do club nace a proposta dunha nova lectura. Despois de xuntarnos o mércores para comentar a novela “Todo é silencio” de Manuel Rivas, decidimos escoller como vindeiro libro unha obra do recentemente finado José Luis Sampedro. Unha lectura que quere ser unha homenaxe e un achegamento a obra deste autor.

Nado en Barcelona no 1917, José Luís foi escritor e economista, catedrático de Estrutura Económica pola Universidade Complutense de Madrid dende 1955 ata 1969, compaxinándoo con diversos postos no Banco Exterior de España alcanzando o nivel de Subdirector Xeral. Tamén foi profesor visitante nas universidades de Salford e Liverpool e cofundador do Centro de Estudos e Investigacións (CEISA). Impartiu cursos na Escola Diplomática, o Instituto de Estudos Fiscais e na Universidade Autónoma de Barcelona. En 1977 é nomeado senador por designación real, nas primeiras Cortes democráticas, posto que ocupará ata 1979. En paralelo á súa actividade profesional como economista, publica diversas novelas e tras a súa xubilación continúa dedicado a escribir, conseguindo grandes éxitos con obras como "Octubre, octubre" ou a coñecida novela "La sonrisa etrusca". En 1990 é nomeado membro da Real Academia Española onde pronunciou o seu heterodoxo discurso de ingreso, "Desde la frontera". Brillantemente lúcido, xa case centenario, exerceu o seu humanismo crítico acerca da decadencia moral e social de Occidente, do neoliberalismo e as brutalidades do capitalismo salvaxe.


La sonrisa etrusca

Un vello campesiño calabrés chega á casa dos seus fillos en Milán para someterse a unha revisión médica. Alí descobre o seu último afecto, unha criatura na que envorcar toda a súa tenrura: o seu neto, que se chama Bruno, como a el o chaman os seus camaradas partisanos. E vive tamén a súa última paixón: o amor dunha muller que iluminará a etapa final da súa vida concedéndolle toda a súa plenitude...

Unha fermosa novela, publicada en 1985, sobre o eterno problema do amor, coa verdade que ofrece un coñecemento profundo da alma humana.

Reunirémonos para comentala o xoves 2 de maio ás 20:30 horas na BPM de Brión
Boa lectura!

0 comentarios :

Publicar un comentario