xoves, 7 de febreiro de 2013

José Luis Gómez presentou en Brión un libro sobre a crise

O xornalista José Luis Gómez presentou no Centro Social Polivalente o libro “Cómo salir de esta”, un ensaio sobre a actual crise económica.  No acto, que se celebrou o pasado 1 de febreiro, o autor estivo acompañado por Xosé Luís García, alcalde de Brión; Cristina Seco, directora de Actualia Editorial; e o avogado Francisco Abuín.

Á presentación asistiu un numerosísimo público, que non dubidou en participar activamente no debate que se iniciou ao remate das intervencións. Algo que non é de estrañar, ante o enorme interese que esperta o tema entre a cidadanía. Porque a crise está a afectar sobre todo as familias, a través das súas múltiples manifestacións: recortes na educación, na sanidade e nas prestacións sociais, subida de impostos e brutal destrución de emprego.

José Luís Gómez rematou o acto asinando numerosos exemplares do seu libro, que tivo unha enorme aceptación entre os asistentes. A biblioteca municipal xa conta cun exemplar dedicado que vai estar a disposición de todos os usuarios de inmediato.

O xornalista e escritor, cunha ampla experiencia en información económica, naceu no lugar de Souto, en Os Ánxeles. A súa carreira profesional levouno a traballar en numerosos medios de comunicación. Foi director da revista Capital e os diarios La Voz de Galicia e Xornal de Galicia. Así mesmo, exerceu a dirección da editorial do Grupo Zeta. Actualmente escribe na sección de economía de El País, no blog “A vueltas con España” e nas súas columnas para a axencia Europa Press.

O seu vínculo con Brión sempre se mantivo a pesar da distancia, fortalecido polos lazos familiares e a súa implicación en proxectos deportivos vinculados cunha das súas grandes paixóns: o fútbol. Como lembrou Xosé Luís García, alcalde de Brión, O xornalista formou parte da directiva da S.D. Brión nunha etapa brillante da súa historia, cando o equipo de fútbol era coñecido como o “Cosmitos”.

0 comentarios :

Publicar un comentario