Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

mércores, 27 de febreiro de 2013

Reunión do club de lectura

O mércores 27 de febreiro ás 20:00 h. o club de lectura da biblioteca pública municipal reúnese para intercambiar experiencias lectoras sobre "O bosque dos raposos aforcados", a novela do escritor finés Arto Paasilinna que veñen de ler. Ademais de falar desta obra, aproveitarase a ocasión para escoller a vindeira lectura e fixar a data da seguinte reunión.

xoves, 21 de febreiro de 2013

24 de febreiro, Día de Rosalía

O 24 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía (176 aniversario do seu nacemento) unha efeméride que vai ser celebrada ao longo de Galicia con diferentes actos. A continuación presentamos os que se van celebrar en Santiago (lugar de nacemento) e Padrón.

10:00-12:00 horas.
Alborada para Rosalía
. Todos os gaiteiros de Galicia están chamados a dar unha alborada de gloria. Iniciativa conxunta da Fundación Rosalía de Castro coa Asociación de Gaiteiros Galego

10:00 horas
Santiago de Compostela \\ Praza de Vigo.
Alborada e ofrenda oral
ao pé do monumento que lembra onde naceu a escritora.

12:00 horas
Padrón \\ Casa de Rosalía

Interpretación da Alborada de Rosalía de Castro.
Personalidades culturais, sociais e políticas de toda Galicia interveñen e recitan na honra da escritora.
Proxección de diferentes gravacións das alboradas realizadas ese mesmo día en distintos lugares de todo o país.
Presentación dos actos conmemorativos do 150 aniversario de Cantares gallegos.
Actuación musical de Uxía e Sérgio Tannus.

Durante o ano haberá diferentes actividades ao longo de todo o país, como unha exposición, concertos, etc. Tamén moitas outras institucións, como a AELG ou o Consello da Cultura Galega, ademais de múltiples asociacións e concellos, celebran múltiples actos en memoria dos 150 anos de Cantares Gallegos. Brión tamén se unirá a esta celebración cunha serie de iniciativas a cargo do  Dep. de Cultura e a biblioteca.

Fonte: Fundación Rosalía de Castro

Nova reunión do Club Camaleón

O mes está chegando a súa fin e o Camaleón que habita na biblioteca municipal está desexando reunirse cos seus amigos unha vez máis. Por iso que, este venres 22 de febreiro, os socios do Club Camaleón non podemos faltar a cita co seu amigo que muda de cor.

Como en anteriores ocasións, a diversión está asegurada con xogos e actividades variadas,  que de momento son sorpresa.  Lembra que hai dúas quendas de participación, unha de 17 a 18 e outra de 18 a 19 horas.

Para máis información, chama ao Tfno.: 981 50 99 69-981 50 99 08. Non faltes, o Camaleón esta esperando por ti!

xoves, 7 de febreiro de 2013

Ciclo 'Vidal Bolaño recuperado: citas audiovisuais'

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza o ciclo 'Vidal Bolaño recuperado: citas audiovisuais', dentro da programación especial que o Centro Dramático Galego (CDG) dedica ao autor homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas.

O Centro Dramático Galego celebrará todos os mércores e xoves de febreiro e novembro, no Salón Teatro, o ciclo 'Vidal Bolaño recuperado: citas audiovisuais' coa obra de Roberto Vidal Bolaño. O ciclo consta dun total de doce sesións nas que se proxectarán fragmentos da obra escénica deste autor, conducidas polo comentario dos profesores Inma López Silva e Xosé Manuel Fernández Castro.

No ciclo ofrecerase un amplo percorrido pola traxectoria teatral de Roberto Vidal Bolaño nas súas facetas de autor e director, afondando ao tempo na vixencia do seu legado e incidindo na transcendencia que para as artes escénicas galegas ten o feito de que, por primeira vez na súa historia, a Real Academia Galega decidira homenaxear no Día das Letras Galegas a un autor dramático que, asemade, consagrou a súa vida profesional ao oficio teatral.

Programación:

6 de febreiro 2013: "Agasallo de sombras"
7 de febreiro 2013: "Rosalía"
13 de febreiro 2013: "Laudamuco, señor de ningures"
14 de febreiro 2013: "Saxo tenor"
20 de febreiro 2013: "Anxeliños!"
21 de febreiro 2013: "Animaliños"
6 de novembro 2013: "As actas escuras"
7 de novembro 2013: "Xelmírez ou a gloria de Compostela"
13 de novembro 2013: "A burla do galo"
14 de novembro 2013: "Mar revolto"
20 de novembro 2013: "Rastros"
21 de novembro 2013: "Caprice des dieux"

Fonte: Santiagoturismo.com :: Axenda cultural

José Luis Gómez presentou en Brión un libro sobre a crise

O xornalista José Luis Gómez presentou no Centro Social Polivalente o libro “Cómo salir de esta”, un ensaio sobre a actual crise económica.  No acto, que se celebrou o pasado 1 de febreiro, o autor estivo acompañado por Xosé Luís García, alcalde de Brión; Cristina Seco, directora de Actualia Editorial; e o avogado Francisco Abuín.

Á presentación asistiu un numerosísimo público, que non dubidou en participar activamente no debate que se iniciou ao remate das intervencións. Algo que non é de estrañar, ante o enorme interese que esperta o tema entre a cidadanía. Porque a crise está a afectar sobre todo as familias, a través das súas múltiples manifestacións: recortes na educación, na sanidade e nas prestacións sociais, subida de impostos e brutal destrución de emprego.

José Luís Gómez rematou o acto asinando numerosos exemplares do seu libro, que tivo unha enorme aceptación entre os asistentes. A biblioteca municipal xa conta cun exemplar dedicado que vai estar a disposición de todos os usuarios de inmediato.

O xornalista e escritor, cunha ampla experiencia en información económica, naceu no lugar de Souto, en Os Ánxeles. A súa carreira profesional levouno a traballar en numerosos medios de comunicación. Foi director da revista Capital e os diarios La Voz de Galicia e Xornal de Galicia. Así mesmo, exerceu a dirección da editorial do Grupo Zeta. Actualmente escribe na sección de economía de El País, no blog “A vueltas con España” e nas súas columnas para a axencia Europa Press.

O seu vínculo con Brión sempre se mantivo a pesar da distancia, fortalecido polos lazos familiares e a súa implicación en proxectos deportivos vinculados cunha das súas grandes paixóns: o fútbol. Como lembrou Xosé Luís García, alcalde de Brión, O xornalista formou parte da directiva da S.D. Brión nunha etapa brillante da súa historia, cando o equipo de fútbol era coñecido como o “Cosmitos”.

"O bosque dos raposos aforcados", unha lectura para o noso club

Onte reuniuse de novo o club de lectores da BPM de Brión. Nesta segunda xuntanza centrámonos na escolla do libro que imos ler nas vindeiras semanas. Tras estudar a listaxe de títulos proposta dende a biblioteca, os asistentes elixiron a obra do autor finés Arto Paasilinna “O bosque dos raposos aforcados” (Rinoceronte) / “El bosque de los zorros” (Anagrama).

A biblioteca encargase de reunir o máximo número de exemplares dispoñible na contorna. Os socios que teñan acceso á obra noutra biblioteca ou formato (e-book) poden dispor dela pola súa conta. A comezos da vindeira semana enviarase un correo aos integrantes interesados para que recollan o seu libro, para iniciar a lectura que comentaremos na próxima reunión, fixada para o mércores 20 de febreiro.


O autor:

Estudou na Escola Primaria Xeral e na Academia Popular, ambas as dúas na súa Laponia natal. Posteriormente fíxoo no Centro de Educación de Adultos. Traballou como garda forestal e iniciouse no periodismo, colaborando en diversos xornais e sendo editor nun deles e nunha revista. Dende 1975, dedícase á escritura. Varios dos seus libros foron levados ao cine, e a súa obra foi traducida a numerosos idiomas.

É un prolífico autor de novelas, ambientadas na vida finlandesa, cun estilo sinxelo, rápido e humorístico, ofrecendo en ocasións unha sátira da vida moderna.

A obra, “O bosque dos raposos aforcados”

Oiva Juntunen decidiu ser gángster, sobre todo cando consegue que os golpes os dean outros que, loxicamente, serán os que paguen as penas. Posúe catro lingotes de ouro subtraídos ao Banco Nacional de Noruega e dedícase a gozar da vida no seu luxoso apartamento de Estocolmo, ata a chegada dunha alarmante noticia: os seus cómplices serán liberados e acudirán a recoller a súa parte do botín. Oiva afeccionouse demasiado ao seu ouro para pensar en separarse del. Non, mellor escondelo no máis profundo da tundra. E na cabana dos leñadores do monte de Kuopsu, xunto ao inquietante Bosque dos Raposos, casualmente Juntunen reencóntrase cos seus lingotes de ouro, con Sulo Remes, comandante alcoholizado en período sabático, e con Naska Mosnikoff, vigorosa nonaxenaria escapada do asilo. A fuxida é sempre o destino dos protagonistas de Paasilinna, a inmensidade da natureza nórdica o lugar no que suceden os seus desopilantes aventuras, liberdade total onde as normas da sociedade civil revelan a súa limitación.