mércores, 23 de xaneiro de 2013

Primeira xuntanza do Club de lectura

Onte celebramos a primeira xuntanza do club, reunión que foi unha toma de contacto, un serán onde tivemos a oportunidade de coñecernos  e intercambiar ideas sobre os libros e as lecturas que nos gustan. Tamén establecemos algúns dos mecanismos que van rexer o seu funcionamento.

Un club que quere ser dinámico e flexible, adaptándose ás necesidades de cada un dos membros dentro do que sexa posible. Por iso que a opinión de todos é esencial á hora de establecer as regras de funcionamento e as lecturas que imos iniciar axiña.



O noso obxectivo é crear un grupo de intercambio e posta en común das nosas experiencias lectoras arredor das obras literarias que escollamos. Tamén sería interesante propoñer outras actividades complementarias á lectura que enriquezan o club, como visionado de películas (literatura no cine), presentacións literarias, quedadas para acudir a exposicións ou actividades relacionadas cos libros, etc.
 Resumindo, estes son os puntos acordados na reunión de onte:

-Xuntarémonos cunha periodicidade quincenal, en horas e datas axeitadas ás dispoñibilidades de tempo da maioría dos membros. De feito, xa fixamos a vindeira reunión, á que espero poidamos acudir todos. Vai ser o mércores 6 de febreiro ás 20:00 horas.


 -Para a lectura, decidimos elaborar unha listaxe de obras das que poidamos dispoñer a través de empréstito, ben nesta ou outras bibliotecas da rede. Unha relación de títulos que elaboraremos e vos remitiremos por e-mail a vindeira semana. Botádelle unha ollada cara a seguinte reunión.

Tamén abrimos un apartado dedicado ao club no blog da biblioteca, na sección "Os nosos clubs". Descúbreo premendo nesta ligazón

0 comentarios :

Publicar un comentario