HORARIO MES DE AGOSTO:
Luns a venres: de 10:00 a 13:00 h.
Sábados, pechamos.

luns, 25 de xuño de 2012

Vidal Bolaño, Letras Galegas 2013

A Real Academia Galega escolleu o venres pola tarde ao novo homenaxeado do Día das Letras Galegas 2013. Vai ser Roberto Vidal Bolaño, un dos nosos grandes dramaturgos de finais do século XX, que viviu os seus derradeiros anos en Brión.

Como un veciño máis percorreu as nosas rúas, paseou pola carballeira de Santa Minia, gozou da súa popular romaría; en definitiva, compartiu connosco numerosos momentos da súa vida. Foi, tamén, usuario desta biblioteca, onde procurou o goce da lectura en numerosas ocasións. Cando aínda estabamos na Casa da Cultura, sobre o seu modesto escenario situado na planta baixa representou, entre outras, as obras "Animaliños" e "Os Papalagui".

Para Brión é unha gran nova que no vindeiro ano lembremos a súa figura no Día das Nosas Letras. No último pleno municipal celebrado o pasado 19 de xuño, a corporación acordou por unanimidade solicitar que o Día dás Letras Galegas 2013 se dedicase a Roberto Vidal Bolaño; por iso que recibimos esta noticia con especial ledicia. Do mesmo xeito, o IES de Brión, que xa organizara diversos actos e actividades no curso 2008-2009 para honrar a súa memoria. Dende entón, a biblioteca escolar do centro toma o nome desta insigne figura da nosa dramaturxia.

Na biblioteca municipal celebramos esta decisión e convidamos a todos os veciños a vir e descubrir nos nosos andeis o mellor legado que este ilustre veciño nos deixou, a súa obra.

0 comentarios :

Publicar un comentario